Evencio Ferrero reuniuse este mércores con dous representantes das 45 empresas e 225 particulares que solicitan a instalación dunha pasarela peonil
O Concello de Carballo xa solicitou a convocatoria da comisión de seguimento do prevista no convenio de colaboración con Augas de Galicia para reducir o risco de inundación no río Anllóns coa finalidade de buscar unha solución á mobilidade peonil na ponte da Milagrosa. O alcalde, Evencio Ferrero, recibiu este mércores a dous representantes do comercio e da veciñanza da zona, que presentaron unha solicitude, avalada coas sinaturas de 45 empresas e 225 particulares, para a instalación dunha pasarela á altura do aparcadoiro do supermercado Gadis.
As persoas asinantes aluden ás graves consecuencias que pode ter para os negocios da zona o mantemento da situación actual durante todo o período de execución das obras da ponte, e solicitan unha pasarela provisional que facilite a conexión peonil entre ámbalas marxes do río, xa que a ordenación do tráfico rodado realizada pola área de Mobilidade está funcionando incluso mellor do previsto. “Hai menos problemas ca antes, e a rotonda funciona moi ben”, sinalaron.
O alcalde amosou o seu apoio á veciñanza e o empresariado da zona, ademais de manifestar que desde o primeiro momento o Concello de Carballo está a disposición das persoas afectadas. Neste sentido, os representantes veciñais agradeceron a celeridade na resposta municipal e solicitaron a intermediación do alcalde ante Augas de Galicia, como organismo responsable da obra. Evencio Ferrero indicou que calquera tipo de actuación na canle do río, como sería a instalación dunha pasarela, require da autorización de Augas de Galicia, que neste caso, ademais, é o organismo encargado da redacción do proxecto, da contratación e da dirección das obras, e, polo tanto, o que debe articular as medidas correctoras necesarias. A competencia do Concello de Carballo limítase, tal como recolle o convenio de colaboración, á posta a disposición dos terreos e á ordenación do tráfico, como así fixo.
Con respecto á reunión da comisión de seguimento, Evencio Ferrero comentou que, segundo indicaron desde a Xunta de Galicia, para a semana próxima está previsto o nomeamento do novo responsable de Augas de Galicia, polo que todas as partes consideran oportuno agardar á súa toma de posesión para celebrar a xuntanza.
O convenio entre as dúas administracións recolle o seguinte:
1. Constituirase, a iniciativa de calquera das partes, unha comisión formada por dous representantes de cada unha das partes para desenvolver as seguintes actuacións:
• Impulsar e avaliar o cumprimento deste convenio, propoñendo as actuacións que se consideren precisas.
• Interpretar, en caso de dúbida, o contido do convenio.
• Propoñer ás partes a resolución das posibles controversias que puideran xurdir na aplicación do convenio.
2. Actuará como presidente un dos representantes de Augas de Galicia, con voto de calidade.
3. Esta comisión reunirase as veces que se estimen oportunas para o cumprimento do convenio.
4. Os membros desta comisión de seguimento poderán asistir ás reunións desta acompañados do persoal técnico que consideren oportuno. Ademais, cando se considere oportuno, a comisión de seguimento poderá requirir a asistencia técnica necesaria para a avaliación e análise das distintas cuestións sobre as que deban adoptarse acordos.
Ponte da Casilla
Por outra banda, o alcalde aproveitou a xuntanza para informar de que as obras na ponte da Casilla non empezarán ata despois do San Xoán. Despois de varios aprazamentos, a empresa adxudicataria pretendía inicialas a mediados de xuño, pero desde o Concello indicóuselle que non se permitirá que arranquen ata despois das festas.