Friday 22 de November de 2024

A Corporación pacta por unanimidade que o goberno local renda contas trimestralmente do grao de cumprimento dos acordos plenarios


A proposición dos socialistas busca poñer “fronte ao espello” a alcaldesa que en febreiro do 2020 esixía iso mesmo tras reclamar que os acordos con respaldo maioritario deberan cumprirse aínda que o goberno non os respaldase

Unanimidade na iniciativa socialista para a posta en marcha do programa de patios inclusivos nos 13 colexios de Santiago para o que o goberno socialista deixara un estudo elaborado

Aprobada tamén a moción do PSOE para a elaboración dun plan de mobilidade no corredor Pardiñas-Galanas á vista das obras de humanización do Milladoiro.

O Pleno municipal acordou este mércores por unanimidade incorporar trimestralmente un punto de dación de contas do grao de cumprimento das propostas que reciben un respaldo maioritario da Corporación. Unha proposición que os socialistas levaron ao pleno pero que, como o propio Sindo Guinarte explicaba, non é idea propia, senón que recupera unha iniciativa de Goretti Sanmartín cando estaba na oposición, en febreiro de 2020, e esixía isto mesmo: que os acordos con respaldo maioritario se cumpriran, aínda que o goberno non os respalde.

Guinarte puxo como exemplo de acordos aprobados no pleno coa abstención -cando non o voto en contra- do goberno, a eliminación da ORA en Santa Marta ou a cesión dun local á Asociación de Diabetes. Incluso lembrou que existen acordos que se aprobaron por unanimidade dos que “nada se sabe” como é o caso da ampliación do aparcadoiro de Altiboia. Confían os socialistas que, con esta proposta aprobada, o goberno local execute os acordos da Corporación: “xa o dixemos que a imos facer unha oposición útil pero esixente, e niso estamos”.

En relación á resposta do goberno local, que se esforzou en sinalar de incoherentes aos membros do grupo socialista, Guinarte tirou de metáfora sinalando que “se a proposición encerra uns mandamentos dunha fé democrática e de transparencia, nós seríamos unha especie de conversos que pasamos do agnosticismo á fé” mentres que o grupo do BNG “serían apóstatas, abandonando a fé democrática e converténdose en crentes ma non troppo”.

Unanimidade para a posta en marcha do programa de patios inclusivos nos CEIPs

Coa premisa de de “proporcionarlle ás nenas e nenos contornas nos que compartir, comunicarse, evitar o acoso escolar e inculcar valores como o respecto, a diversidade, a igualdade e a non discriminación”, o pleno municipal acordou por unanimidade darlle continuidade ao programa de patios inclusivos posto en marcha polo goberno socialista co encargo dun estudo a COGAMI do estado no que se atopaban os patios dos CEIPs de Santiago.

Marta Abal que foi a encargada de defender a iniciativa socialista, recalcou que, coa diagnose enriba da mesa, consellería de Educación e Concello deberan “poñerse de acordo” para “deseñar unha estratexia de actuación” e implementar as melloras que se recollen no informe co obxectivo, explicou, “de ofrecerlle ao alumnado contornas accesibles que propicien dinámicas de xogo inclusivas”.

Mellorar a mobilidade na rotonda da Praza de España

O portavoz dos socialistas, Gonzalo Muíños, instou ao goberno local a reprogramar algún dos semáforos sitos na rotonda da Praza de España. Segundo explicou, o tempo de peche de algún deles entorpece a circulación: “as veciñas e veciños que veñen por Rodríguez de Viguri e queren efectuar un cambio de sentido teñen que parar ata en tres ocasións”.

Neste sentido, Muíños insistiu en que se trata dunha cuestión “aparentemente de sinxela solución” modificando os tempos de apertura e peche dos semáforos.

Plan de mobilidade para o corredor Pardiñas-Galanas ante a humanización do Milladoiro

Muíños demandou ademais ao goberno local que lidere o proceso para a formulación dun plan de mobilidade para o corredor Pardiñas-Galanas á vista da humanización do Milladoiro. Concretamente, o socialista teme que co inicio de estas obras, parte dos 30.000 vehículos que utilizan diariamente a N-550 se desvíen pola vía de titularidade municipal de Pardiñas, en Laraño.

Precisamente, na mesma liña se manifestou o presidente da asociación veciñal A Xunlla de Laraño que interviu ao comezo da sesión plenario. A proposta socialista contou co voto favorable de BNG e Compostela Aberta pero co voto en contra do Partido Popular: “evidentemente na solución teñen que participar a Xunta de Galicia e o ministerio de Transportes, pero quen ten que liderar o proceso é o goberno local”.

“As tres administracións deberan xestionar de forma conxunta con AUDASA a posibilidade da redución ou gratuidade do tramo Padrón-Santiago en tanto en canto se executen estas obras” defendeu Muíños.

O goberno local evita comprometerse coa creación do Consello Municipal da Cidade Histórica

A concelleira socialista, Mercedes Rosón, replicou ao goberno local pola creación do Consello Municipal da Cidade Histórica. Un foro que, recorda, acordouse impulsar no pleno de maio do 2023 pero, “un ano despois, non vemos pasos encamiñados a súa realización efectiva”.

O edil de Urbanismo, Iago Lestegás evitou comprometerse coa súa creación limitándose a afirmar que o estudarán. Pola súa banda, Rosón asegurou que é “urxente” que se impulse “de maneira decidida a aprobación do regulamento para a súa convocatoria” dadas as “tensións” que existen en este momento con determinadas cuestións do ámbito da cidade vella.

Este consello municipal, segundo explicou Rosón, estaría integrada polo Consorcio, a USC, o Colexio de Arquitectos e unha representación “importante” de colectivos veciñais, comerciantes e culturais.