Saturday 16 de November de 2024

José Manuel López Varela, vogal na Comisión de Vivenda e Urbanismo da FEMP


O alcalde da Laracha considera que será unha oportunidade para afrontar desafíos importantes para os concellos nesas materias.

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, forma parte, como vogal, da Comisión de Vivenda e Urbanismo da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) que foi constituída esta mañá e está composta por 25 rexedores e concelleiros de municipios de toda España.
Na sesión, celebrada na sede da asociación en Madrid, valorouse a memoria da xestión do período 2019 e 2023 no ámbito da Comisión, os convenios vixentes, o plan de traballo para os próximos anos e o calendario de reunións previstas.

López Varela mostrouse agradecido por formar parte da máis importante asociación de entidades locais a nivel estatal como é a FEMP, considerando que a Comisión será un espazo para o consenso e a colaboración que permita compartir ideas e propostas para afrontar desafíos importantes para os concellos, como son o acceso á vivenda dos cidadáns e o desenvolvemento urbanístico.

O alcalde da Laracha xa formara parte da FEMP en anteriores lexislaturas como vogal das Comisións de Cooperación ao Desenvolvemento e na de Facendas e Financiamento Local.