Saturday 16 de November de 2024

A biblioteca de Ordes arranca o ano cun incremento no seu número de socios activos aproximándose aos 2.200


O balance reflicte preto de 200 novos lectores en 2015. Por consultas realizadas sitúase na vixésima posición con respecto aos máis de 400 centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

A biblioteca municipal de Ordes continúa a ser un dos servizos máis utilizados e empregados polos veciños e veciñas de Ordes. Así se pon de manifesto tras ver o balance rexistrado, no que destaca un incremento 180 ‘socios activos’ se comparamos as cifras do ano 2015 coas de 2014. En total a cifra ascende a 2.197 que de xeito habitual fan uso das instalacións e do servizo de préstamos de libros e material pertencente á biblioteca pública.
Unha cifra en aumento que tamén se pode apreciar en apartados como o número de rexistros bibliográficos: 16.872 en 2014 fronte aos 17.378 de 2015; número de volumes: 18.213 (2014) e 18.732 (2015); exemplares de obras bibliográficas: 16.195 (2014) e 16.688 (2015); ademais das materias abordadas en todo tipo de referencias documentais; 17.931 (2014) e 18.657 (2015). A todo isto hai que engadir o mantemento doutras referencias como música impresa, arquivos audiovisuais, mapas e cartografía, xogos e puzzles, prensa e revistas de diversa temática etc.
No que ao número de consultas se refire a de Ordes posiciónase na vixésima posición dun ránking que supera os 400 centros pertencentes á Rede de Bibliotecas de Galicia, tan só superada polas situadas en localidades como Santiago, Ames, Carballo ou Ourense, onde o número de habitantes é moi superior. Así, ao longo do pasado ano realizáronse 122.307 consultas á web, 63.930 ao catálogo e 55.174 visualizacións, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Atendendo ao uso e ás consultas realizadas na propia instalación situada na rúa Xoxardo ao longo de 2015 hai que falar de máis de 24.100 de tipo presencial e preto de 800 telefónicas. Os colexios do municipio tamén manteñen un contacto directo, levando a cabo máis de 620 solicitudes. No préstamo a particulares rozouse a cantidade de 90.450.
Programación para todos e todas
Dende hai anos a biblioteca pública de Ordes vén realizando un amplo e variado programa cultural e de dinamización á lectura dirixida a todo tipo de usuarios e usuarias. Entre estas iniciativas pódese destacar as ‘Tardes de contos e lendas’, ‘Contiños para compartir’ ou os ‘Encontros na biblioteca’. Tamén se levan a cabo distintas mostras temáticas e exposicións, ademais das presentacións de libros, como foi o caso de ‘El inmenso mar de los olvidados’ do autor local Jacobo Ríos,ou ‘As casillas sen número’ escrito por alumnado do IES Maruxa Mallo. Datas tan sinaladas como o Día das Letras Galegas, o Día do libro ou o Nadal entre outras tamén levan consigo actividades e actos conmemorativos.