Friday 22 de November de 2024

O Concello estende dos pasos peóns aos contedores a bandeira LGTBI para contribuír á visibilización do colectivo 


Seguindo o proceso de mantemento, o servizo de contenerización pintou varios puntos de recollida de resíduos coa bandeira do arco da vella 

O Concello da Coruña, en colaboración coa UTE Atlántica, empresa responsable do servizo de contenerización, iniciou unha revisión integral para o mantemento e modernización dos contedores da cidade no Paseo de Rolda. Trátase de contedores tipo Molok, semisoterrados con fraccións selectivas de papel-cartón e vidro. En concreto, limpáronse a fondo os fosos, as cubetas e cubertas e renováronse os sacos, os sistemas de baleirado, as comportas, as tapas de achega e as coroas de protección. Ademais, seguindo o proceso de mantemento, pintáronse as tapas dos puntos de recollida de resíduos coa bandeira do arco da vella. 

A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, xunto coa concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá a nova imaxe dos contedores a representantes de asociacións do colectivo LGTBI. “Pensamos que esta acción pode avanzar na visibilización do colectivo na rúa ao tempo que fai máis visibles os contedores, chamando a atención sobre o seu uso” sinalou Díaz. Esta acción da continuidade a outras iniciativas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey xa no pasado mandato, co pintado do paso de peóns en Durán Loriga. 

O proceso de mantemento e modernización permitirá prolongar o ciclo de vida dalgúns dos contedores que teñen máis de dez anos de antigüidade e garantir a operatividade de todo o parque. “Este é un claro exemplo de economía circular na xestión do parque de contenerización, aplicando ao noso sistema a mesma conciencia medioambiental que traballamos por trasladar á sociedade e dándolle unha perspectiva máis diversa” explicou a concelleira de Medio Ambiente. Yoya Neira explicou que “este tipo de accións avanzan na visibilización pública do colectivo como revulsivo na prevención e eliminación das situacións de desigualdade e discriminación que afectan ás persoas e familias LGTBI”. De igual maneira, continuarase coa renovación de 15 illas de contenerización por toda a cidade nos próximos meses, co obxectivo de modernizar e revisar o seu estado de funcionamento. Segundo as previsións, nas vindeiras semanas quedarán operativas as localizadas na Estación de Tren e na contorna de Salesianos.