Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Neda abre este xoves as súas XIX Xornadas literarias centradas na literatura xaponesa


As persoas que queiran asistir aos relatorios ou participar nos obradoiros de “Trazos de Xapón” deben anotarse no 981390233

Todo a punto para o arranque este xoves das “XIX Xornadas literarias de Neda” que, desta volta, poñen o foco na literatura e cultura nipoa. Baixo o título de “Trazos de Xapón. Un encontro entre a caligrafía e a palabra escrita”, a iniciativa reunirá na Casa das palmeiras a algúns dos maiores expertos españois en literatura e tradución do xaponés. Relatorios, obradoiros, e mesmo un contacontos para o público infantil configuran a programación.

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, Manuela del Pilar Santos, decana da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, institución colaboradora, e a concelleira de Cultura, Marián Bello, serán os encargados de abrir a actividade, a partir das 18 horas.

Nesta primeira xornada, o Concello contará coa presenza de Carlos Rubio López de la Llave, profesor, tradutor e especialista en literatura xaponesa. Tal vez o maior experto que hai no noso país en cultura nipoa. É autor, entre outras obras, de Claves y textos de la literatura japonesa e Los mitos de Japón. O seu relatorio versará sobre “Japón y sus claves de belleza en la literatura”.
Ademais, aproveitando que foi o tradutor ao español de Confesiones de una máscara, obra de Yukio Mishima na que está a traballar o club de lectura de Neda, realizará unha análise deste libro.

As Xornadas Literarias de Neda continuarán a tarde do venres cos relatorios “O haiku como xénero literario” e “Da literatura xaponesa ao manga: o oficio do tradutor editorial” e un cinefórum E o sábado, con obradoiros de introdución ao haiku (11 horas) e á escritura xaponesa (18 h), así como co contacontos infantil “Cabicivai” (12 horas na biblioteca).

Para participar nas distintas actividades das Xornadas literarias de Neda só haberá que inscribirse na Biblioteca municipal ou chamando ao 981390233.