Friday 22 de November de 2024

A Feira da Plantación de San Sadurniño bate a súa propia marca de participantes con 67 postos, 21 máis que o ano pasado


A cita desenvolverase este domingo 28 de abril na zona de lecer da Cortiña

A área de Desenvolvemento local acaba de publicar o listado de postos participantes na XXVII Feira da Plantación deste domingo 28 de abril. Serán exactamente 67, un número que sobe considerablemente con respecto á edición do ano pasado, cando foron 46, e que ademais tamén é moi superior á media histórica do evento, que sempre estivo arredor dos 40. O Concello admitiu todas as solicitudes presentadas, na  súa maioría provenientes de expositores de artesanía (25), seguidos dos agroalimentarios (23), viveiros de planta e flor (14), catro de entidades sen fins de lucro e un de maquinaria.  Aqueles suxeitos ao pagamento da taxa deberán facela efectiva ao longo desta semana e presentar o resgardo do ingreso no momento en que accedan ao recinto. Durante estes días o Concello ultima os preparativos para a feira, que presenta como novidade organizativa a circulación de vehículos nun único sentido -con entrada polo Centro de Día e saída por Cornide- ademais de habilitar unha nova zona de estacionamento preto do pavillón municipal.

A zona da Cortiña e do paseo fluvial do Xubia converterase este domingo entre as 10 e as 20:00h no grande mercado comarcal da planta, da artesanía relacionada co mundo vexetal, do produto agroalimentario de proximidade e de todo o necesario para poñer morteiros ou vestir de cor os xardíns.

Desde que comezou aló polos anos 90 da man da asociación Bidueiro, a feira busca ser unha cita comercial que poña en valor a calidade, a variedade e o potencial do sector primario, nomeadamente o da produción de planta ornamental, pero tamén  un día de lecer cheo de actividades paralelas para todas as idades: obradoiros infantís, talleres de cociña sostible, degustacións de produtos elaborados na Fusquenlla, charlas sobre a riqueza do Xeoparque do Cabo Ortegal ofrecidas por Fran Canosa, demostracións de arte floral con Tania Couce (Floristería La Feria) e incluso o pintado dun cadro ao vivo por parte de Leandro Lamas que se sorteará ás 19:30h.

O programa dominical contará tamén coa actuación musical, en distintos momentos, do Trío Detrés e cos habituais rifas presenciais de centros florais -ás 14:00 e as 19:30h- entre as papeletas que nos entregarán con cada compra que fagamos e que será necesario depositar na urna situada no posto do Concello. Os sorteos destes lotes serán presenciais ata que apareza un boleto ganador.

Ademais, só por ir á feira levaremos de agasallo unha bolsiña con planta ornamental doada por Vivergal, empresa situada en Santa Mariña do Monte que tradicionalmente vén colaborando coa feira de maneira altruísta. Canda a axuda de Vivergal, o Concello tamén conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

A feira espallarase pola beira dos sendeiros do arboreto galego de especies autóctonas e polas inmediacións da Fraga Máxica, o novo espazo de lecer orientado a familias con rapazada que dun tempo a esta parte se converteu nun dos grandes atractivos turísticos de San Sadurniño. E é que entre compras,  obradoiros, música e paseos pola zona case se encherá o día. Por este motivo tamén haberá carpa para xantar a prezos populares, aínda que desde o Concello tamén se recomenda gozar da boa mesa nalgún dos restaurantes locais (aconséllase reservar).

Dentro do plan de seguridade deseñado polo Concello establécense dúas áreas de estacionamento nas inmediacións da feira, unha situada na leira da área de autocaravanas e outra á beira da ponte sobre o río. Este ano, segundo o plan, a circulación de vehículos farase nun único sentido para evitar atascos. A entrada desde a AC-862 efectuarase polo Centro de Día, mentres que a saída será por Cornide, con prohibición de aparcar nas marxes de todo ese percorrido. A maiores habilitarase espazo de estacionamento na leira do Bispado anexa á Avenida Marqués de Figueroa, que tamén recollerá os vehículos do público asistente á final da fase de ascenso á Superliga de volei.

Instalación dos postos
Consonte as bases, os 67 expositores e expositoras participantes deberán confirmar a inscrición de aquí ao venres pagando a cota correspondente aos metros especificados na solicitude. Poderá facerse mediante ingreso ou transferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “XXVII Feira da plantación” e o nome da persoa que presentou a solicitude Tamén se pode pagar con tarxeta na Casa do Concello. En calquera caso, para acceder ao recinto da feira será obrigatorio presentar o resgardo.

Desde a área de Desenvolvemento Local prégaselles aos postos que se axusten coa máxima puntualidade aos horarios de montaxe asignados, lembrando que despois das 10:15h non se permitirá a entrada de ningún posto.

O departamento tamén recorda que despois de armar o expositor deberán retirarse os vehículos e que os puntos de venda deben estar abertos como mínimo ata as 19:30h. Estes e outros aspectos organizativos veñen recollidos nas bases de participación publicadas xunto coa solicitude.

Listado de postos admitidos