Na mañá de hoxe, 23 de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro, presentouse no Centro Sociocultural de Fontiñas a nova Colección SELIC de Libros Asinados. No acto estiveron presentes, ademais de Camilo Franco, director do Festival da Lectura, dúas representantes da corporación municipal compostelá: Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, e Xan Duro, concelleiro de Centros Socioculturais.
Durante a edición de 2023 o Festival da Lectura pediulle ás autoras e autores que o visitaron que asinasen un libro, xa fose aquel que viñan presentar ou algún outro, para que quedasen nos fondos da SELIC. Ese fondo ten como destino a Biblioteca Municipal, e os exemplares foron hoxe depositados na sala que esta posúe no Centro Sociocultural de Fontiñas.
Xa poden consultarse os libros autografados de invitados como Christina Rosenvinge, Chévere, David Rubín, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Lorenzo Silva, João Afonso, ou Suso de Toro. A colección incrementarase cada ano cos libros asinados das escritoras e escritores que pasen pola SELIC, como serán este ano John Banville, Adanía Shibli, João Tordo, Jon Bilbao, Rosa Aneiros, O Leo de Matamá, Diego Ameixeiras, Miguel Barrero ou Rosa Ribas. E moitos outros que quedan por confirmar, porque estes nomes son apenas un adianto.
Un festival transversal
A concelleira de Capital Cultural explicou que “esta iniciativa enmárcase na vontade que ten o Goberno de que a SELIC sexa un festival transversal, que vaia máis alá do departamento que a impulsa e implique a outras concellarías, neste caso a de Centros Socioculturais”. Miriam Louzao salientou ademais que “con esta entrega o Festival da Lectura responda a todos os ámbitos relacionados co libro, desde as autoras e editoras ata a comunidade lectora e as bibliotecas, nunha dinámica que queremos seguir reforzando”.
Nesa liña, o edil de Centros Socioculturais agradeceu o achegamento da SELIC á biblioteca José Saramago, “que é un elemento democratizador do acceso á cultura de toda a veciñanza de Santiago”.
Clubs de lectura
Xan Duro explicou que esta colaboración vaise ampliar coa posta en marcha de dous clubes de lectura durante o inverno de 2024 e a primavera de 2025, que terán como protagonistas ás autoras e autores que participarán na SELIC en 2025. Ademais, os asistentes a estes clubs poderán manter un encontro coas escritoras, nunha actividade específica do Festival da Lectura do ano que vén.
Ademais da inauguración do espazo SELIC na sala de lectura do centro sociocultural de Fontiñas, ao longo de toda a semana a biblioteca municipal José Saramago impulsa soltas de libros polos barrios de Fontiñas, Conxo, Santa Marta, Vite e zona histórica, ademais de pola Alameda e o Parque de Belvís, para conmemorar o Día do Libro.