Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey reivindica o carácter galeguista da Coruña no centenario da Escola de Ensino Galego


A alcaldesa presidio o acto de descubrimento dunha placa conmemorativa no número 17 de María Pita, sede onde se fundou a entidade

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá o acto conmemorativo do centenario da Escola de Ensino Galego, celebrado na praza de María Pita, onde en 2024 se fundou esta institución. A alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro. Tamén interviñeron o coordinador das Escolas de Ensino Galego Semente, Santiago Quiroga; o catedrático de Historia da Educación, Antón Costa; e o representante do alumnado das Escolas de Ensino Galego, Tiago Abal.

O acto, que estivo conducido por Xurxo Souto e contou coa participación dos grupos Os Quinquilláns e Cántigas da Terra, consistiu no descubrimento dunha placa conmemorativa do centenario da institución na súa primeira sede, que estivo activa entre 1924 e 1930 no número 17 da praza de María Pita, espazo que hoxe ocupa a Fundación Paideia, que accedeu á súa colocación. Estiveron presentes máis dun cento de nenos e nenas que se forman nas Escolas de Ensino Galego Semente.
“En tempos complexos e que precederon aos momentos máis escuros da nosa historia recente, o galego fíxose un oco no noso ensino e na nosa cidade grazas a esta escola”, sinalou a alcaldesa. Rey destacou o importante papel que tivo A Coruña no desenvolvemento da lingua galega, e salientou o nacemento das Irmandades da Fala, a creación da editorial Nós ou a figura de Ánxel Casal e María Miramontes. “A Coruña sempre foi unha cidade de progreso, na que ao longo dos anos moitos homes e mulleres, persoas anónimas ou públicas, crearon a nosa identidade como urbe sempre aberta e que sempre foi berce do máis fondo e verdadeiro galeguismo”, sinalou a rexedora.

Inés Rey tamén quixo poñer en valor a aprobación no pasado mandato dunha ordenanza municipal que regula o uso do galego nas comunicacións institucionais, inexistenteanteriormente. “Desde o Goberno municipal seguiremos a promover o galego como símbolo de riqueza de todos os coruñeses e coruñesas, mais tamén de todos os galegos e galegas e só así manteremos vivo ese lume que prendeu hai cen anos neste número 17 grazas á Escola de Ensino Galego”, sinalou.