A maiores, o Concello organizará unha solta duns 200 libros durante a mañá do venres
O Concello de Lousame conmemorará o Día do Libro coa celebración de dous obradoiros infantís gratuítos, que terán lugar este venres 26 de abril, de 18:30 a 20:30 horas, na Casa da Cultura lousamiá. Os talleres organizados pola Axencia de Lectura de Lousame están dirixidos a nenas e nenos de 8 a 14 anos. Nun deles aprenderán a elaborar un marcapáxinas e no outro a elaborar unha marioneta. En ambos os dous casos, as inscricións están abertas en www.bandoticket.com.
Solta de libros
A maiores, a Axencia de Lectura de Lousame ten programada unha gran solta de libros para a mañá do venres 26 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas. “Temos previsto agasallar máis de 200 exemplares, todos eles procedentes de doazón dos veciños e veciñas para tratar de darlles unha segunda vida a estes libros e que sexan desfrutados por outros lectores e lectoras”, apunta Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura.