Friday 22 de November de 2024

O Grupo Socialista impulsa unha moción para lograr que a educación afectivo-sexual se implante de forma estable nos centros educativos como ferramenta para promover a igualdade


Alertan de que segundo un recente estudo sobre hábitos sexuais o 75% de adolescentes galegos aseguran que se informan sobre sexo a través amizades e internet, sendo a pornografía a principal fonte

Marta Álvarez avoga por incluír a formación sexual no currículo educativo, “permitindo que o alumnado tome decisións fundamentadas sobre a súa sexualidade e as relacións, previndo incluso, os abusos e a violencia de xénero”

A tamén edil socialista, Marta Abal lamenta que a Xunta se negue “de forma sistemática” a implantar este tipo de programas e reclámalle implicación coa elaboración dun protocolo de actuación ante casos de abusos

Segundo o Estudo sobre Educación e Hábitos Sexuais en Adolescentes Galegos elaborado polo expresidente da Sociedade Galega de Sexoloxía, o 75% dos adolescentes infórmanse sobre sexo a través de amizades e internet, sendo a pornografía a principal fonte. Ademais o 24% di que a formación sobre sexo no instituto é nula e máis do 50% que é moi escasa. Ante esta preocupante situación, o Grupo Socialista cre que as administracións deben tomar cartas no asunto e implicarse de xeito decidido implantando nos centros educativos a educación afectivo sexual como ferramenta para promover a igualdade.

A proposta, presentada polas concelleiras socialistas Marta Abal e Marta Álvarez, insta por unha banda á Xunta a planificar e establecer un programa específico de formación ao profesorado para garantir que, a partir do vindeiro curso 2024/25, se desenvolvan actividades e recursos formativos en materia afectivo sexual en tódolos centros públicos da nosa comunidade. Por outro lado, reclámalle ao goberno local a implantación de forma “estable e regular” dun programa afectivo sexual dirixido ao alumnado de segundo ciclo de primaria e secundaria.

Segundo explicou Abal, ante a negativa da Xunta de Galicia de incluír a educación afectivo sexual no currículo educativo, en Santiago póñense en marcha programas temporais, como é o caso de Sexualízateactualmente en marcha pero que, na práctica, “poden resultar insuficientes”. Por iso as socialistas propoñen ir “un paso máis aló” con un programa regular a partir do vindeiro ano e que, explican ademais, “poderá xestionarse e impulsarse a través do Consello Municipal de Igualdade que aprobaremos precisamente no pleno de mañá”.

Promover relacións sans e seguras

Segundo os datos do estudo xa citado o 8,1% das adolescentes tiveron algunha relación sexual sen consentimento e só o 35,9% das e dos enquisados utiliza métodos anticonceptivos. Unha información que, segundo Marta Álvarez, proban a necesidade de traballar “en modelos saudables de educación afectivo sexual” con este tipo de programas que inclúan ademais coñecemento de métodos anticonceptivos para evitar enfermidades de transmisión sexual e permitindo que o alumnado “tome decisións fundamentadas sobre a súa sexualidade e as súas relacións” previndo, incluso, “os abusos e a violencia de xénero”.

“Implantar programas nos centros educativos non só garante o coñecemento de dereitos, senón que fomenta o respecto, a igualdade e a liberdade, ao tempo que os dota de ferramentas para tomar decisións informadas e promover relacións sans e seguras” recalca Abal que coincide en demandar unha maior implicación por parte das administracións.

Precisamente, a proposta que se debaterá no pleno de este mércores, insta á Administración autonómica a que elabore un protocolo específico ante posibles casos de abuso sexual a menores e sobre a necesidade de traballar modelos saudables de educación afectivo sexual, de xeito que constitúa «unha guía sinxela e clara para que os membros da comunidade educativa dispoñan duns criterios orientadores e duns procedementos de actuación básicos, pero claros e completos».

A moción lembra que a Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, de Educación, establece no seu articulado o desenvolvemento da igualdade de dereitos, deberes e oportunidades, o respecto á diversidade afectivo-sexual e familiar, o fomento da igualdade efectiva de mulleres e homes a través da consideración do réxime da coeducación de nenos e nenas, a educación afectivo-sexual, adaptada ao nivel madurativo, e a prevención da violencia de xénero.

Por outra banda a Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da Liberdade Sexual, regula no seu artigo 7 a Prevención e Sensibilización no eido educativo, establecendo que o sistema educativo español e as CCAA con competencias transferidas incluirán contidos baseados na coeducación e na pedagoxía feminista sobre educación sexual e igualdade de xénero e educación afectivo-sexual para o alumnado, apropiados en función da idade, en tódolos niveis educativos e con as adaptacións e apoios necesarios para o alumnado con necesidades educativas específicas, en colaboración co ámbito sanitario.