O vindeiro luns, 29 de abril, pecha ao público a exposición Auga, terra, aire e lume, do alumnado da escola de cerámica que dirixe en Fene Carme Romero, no seo da asociación Cerámica e máis. Ao longo desta semana a mostra aínda pode visitarse en horario: de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas. “Pezas de cerámica realizadas ao xeito tradicional pero cunha visión actual” forman esta colección coa que nos mergullamos, en palabras de Carme Romero “na nosa cultura para crear pezas, figuras que nos representen, arte do pobo contemporánea; barro de Buño, da terra, decorado con engobes, barro sobre barro coas cores da terra e ás veces, brillos que espertan as cores”.
Os/as artífices das pezas que se amosan en Auga, terra, aire e lume son: Antolín, Chus, Coté, Cristina, Henrique, Rosa, Jaime, Lucía, Marina, Noe, Sé, Tere, Viqui, Xan Xé, Gelis, Maribel, Uxía D, Leopoldo, Uxía e Xaime.
A escola de cerámica de Carme Romero creouse no ano 2013, funcionando primeiro no Muiño do Pombal con AETNA. En 2023 trasladouse ao Grupo Escolar Concepción Arenal, coa Asociación Cerámica e máis. Neste obradoiro, o método de ensinanza da figura é singular, “nada desde o oco, co barro que rodea o aire e que có golpeo traballa a forma e o volume”. Ademais, a decoración é artesanal. Emprégase corda seca ou grafito para encher os debuxos, grecas con engobes ou esmaltes.
Carme Romero. Ceramista desde o ano 1999. Logo de residir en Madrid varios anos, retornou a Fene, a súa vila natal, no ano 2011. Leva impartindo clases e aprendendo a traballar a cerámica desde o ano 2002 até a actualidade.