Saturday 16 de November de 2024

Rueda destaca o compromiso da xunta coa investigación sanitaria ao case triplicar o investimento neste eido desde 2020


— Os orzamentos deste ano reservan 6,3 M€ a este eido, un 10% máis que no 2023

— Salientou que a investigación é fundamental para seguir avanzando na medicina e mellorar a atención e calidade de vida dos pacientes a través de novas terapias, melloras na diagnose ou nas cirurxías.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico coa investigación sanitaria, eido ao que se reservan nos orzamentos deste ano 6,3 millóns de euros, é dicir, case o triplo que no 2020, cando se destinaron 2,3 millóns e un 10% mais que no 2022. “A sanidade supón case a metade dos recursos públicos que pagan os galegos e galegas cos seus impostos”, salientou.

Durante a súa intervención na entrega do V Premio Internacional Ramiro Carregal de Cardioloxía, referiuse a este último como “mecenas incansable” e salientou que a investigación é fundamental para seguir avanzando na medicina e mellorar a atención e calidade de vida dos pacientes a través de novas terapias, melloras na diagnose ou nas cirurxías.

Rueda agradeceu o gran labor que realizan milleiros de investigadores coma Ana Belén Cid, a premiada desta quinta edición polos avances nunha cirurxía para tratar unha das insuficiencias cardíacas máis habituais nos maiores de 75 anos. “Se temos unha magnífica sanidade é porque temos uns magníficos profesionais”, destacou.

Galicia é unha comunidade referente no eido da cardioloxía, posto que foi pioneira ao poñer en marcha o Programa galego de atención ao infarto en 2005 que permite reducir o tempo no que o paciente chega a sala de hemodinámica. Ademais, no 2015 creouse o Rexistro galego de infarto de miocardio para analizar as características clínicas dos afectados; o Sergas conta con seis completas salas de hemodinámica nos hospitais e no 2023 Galicia rexistrou o seu mellor tempo de resposta ante un infarto: 97 minutos desde a realización do electrocardiograma ata a apertura da arteria responsable do infarto.

“Galicia ten unha enorme sorte e creo que todos os recursos públicos manexados con sentidiño, por moi cuantiosos que sexan, nunca serán suficientes para agradecer o labor que fan”, finalizou.