Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey, na celebración do ascenso do Dépor ABANCA: “Hoxe o orgullo da Coruña volve ser o orgullo das súas talentosas mulleres”


A alcaldesa recibiu ao equipo en María Pita, onde a afección celebrou o triunfo desde a praza

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta tarde ao equipo e á directiva do Real Club Deportivo ABANCA logo de acadar onte o ascenso á máxima categoría nacional do fútbol feminino, a Liga F. A rexedora compareceu acompañada por Álvaro García Diéguez, presidente do Deportivo, e por Cristina Martínez, capitana do Dépor ABANCA.

“Hoxe o orgullo da Coruña volve ser o orgullo das súas talentosas mulleres”, sinalou Inés Rey, que quixo destacar que hai 100 anos Irene González Basanta sentaba as bases do fútbol feminino coruñés: “Nesta urbe, as mulleres somos fillas do traballo en común, e o voso foi magnífico”, engadiu.

As xogadoras e o equipo técnico puideron celebrar desde o balcón do Palacio Municipal de María Pita o ascenso a Liga F xunto coa afección que se achegou ata a praza. “Tanto a afección que acudiu en milleiros ao estadio de Riazor, como esa base fiel de seareiros e seareiras que sempre está en Abegondo, nas boas e nas malas, conforman con vós unha unidade virtuosa, non se pode entender a unhas sen as outras”, indicou Rey durante a súa intervención. A alcaldesa fixo entrega ao Dépor ABANCA dunha Torre de Hércules conmemorativa da ocasión.