Saturday 16 de November de 2024

Charlín lamenta que a oposición trate de enganar á veciñanza e sinala que as traballadoras do SAF están “moi ben valoradas e cun salario actualizado”


• O alcalde laxense lamentou as acusacións vertidas desde o BNG de maneira “completamente inxustificada, sen probas e con datos falsos e desactualizados”

• “Os servizos sociais son unha prioridade máxima e traballamos cada día para proporcionarlles as mellores condicións, tanto ás persoas traballadoras como aos usuarios e usuarias”

O alcalde do Concello de Laxe, Paco Charlín, desminte as acusacións vertidas desde a oposición sobre a situación actual das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. O rexedor quixo aclarar, despois das informacións publicadas nos últimos días, que as súas condicións están reguladas en base ao convenio colectivo e recibiron, nos últimos anos, os pertinentes incrementos salariais.

A pesar de que o contrato do SAF sexa do ano 2018, nos últimos anos realizáronse as subidas e actualizacións correspondentes. Dos 13€/hora + IVE dos que partiu o contrato, pasou neste exercicio a 17,50€/hora, adaptando o convenio á subida do IPC. Neste senso, tamén se adaptou o prezo por quilometraxe de desprazamentos entre domicilios.

Desde o Concello negan, ademais, que se produciran faltas de puntualidade nos pagamentos ás traballadoras. Desde a empresa afirman que en todo momento se lles pagou en tempo e forma, os días 5 de cada mes.

Situación de precariedade laboral

A alta demanda por parte das persoas usuarias e a coincidencia de horarios que requiren deste servizo, provoca que haxa que establecer quendas rotativas poder garantir que as traballadoras gocen de dereitos básicos como o descanso, as vacacións ou unha baixa, á vez que se atenden as peticións e demandas destes usuarios e usuarias.

O alcalde, Francisco Charlín, lamentou as acusacións emitidas desde a oposición de maneira “completamente inxustificada, sen probas e con datos falsos e desactualizados, que só buscan enganar á cidadanía”. Unha maneira de “traizoar á nosa veciñanza e contaminar, no seu propio beneficio, a convivencia”.

Charlín quixo aclarar que “en ningún caso se deu falta de puntualidade á hora de realizar os pagos desde a empresa contratada, posto que cada unha das persoas traballadoras percibe o seu salario nos primeiros días de cada mes. Esta, ademais, é unha acusación moi grave, sen probas, que dana tanto o prestixio da empresa como o do propio Concello”.

O rexedor asegurou que “para o noso equipo de goberno os servizos sociais son unha prioridade máxima e traballamos cada día para proporcionarlles as mellores condicións, tanto ás persoas traballadoras como aos usuarios e usuarias. Somos conscientes de que o benestar dos nosos maiores está, en boa parte, nas mans das persoas que se encargan de coidalos e, para que poidan desenvolver ben o seu traballo, teñen que ter boas condicións laborais”.