Nos espazos que foron obxecto de escavacións intervirase baixo supervisión arqueolóxica.
O Concello continúa levando a cabo actuacións que teñen por obxectivo conservar e poñer en valor o Castro de Montes Claros, xacemento arqueolóxico situado na parroquia de Vilaño e pertencente á idade de ferro.
As brigadas medioambientais municipais, formadas en colaboración coa Deputación da Coruña no marco do programa PEL-Concellos, comezaron hoxe a intervir no castro, onde mantiveron unha reunión co alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, e de Emprego, Rocío López.
As actuacións que levarán a cabo durante os próximos días consistirán na limpeza do ámbito, incluíndo o cortado da herba, o desbroce da maleza e a eliminación de posibles rebrotes de eucaliptos para que o espazo quede libre desa especie e conserve unicamente árbores autóctonas como carballos, castiñeiros e loureiros.
Nas áreas que foron obxecto de escavacións nos últimos anos, a limpeza farase de maneira manual e superficial baixo supervisión arqueolóxica para non danar os elementos que presentan valor histórico.
Os traballos lévanse a cabo neste época do ano na que se prevé un maior número de visitas ao Castro de Montes Claros tanto a nivel individual como colectivo por parte, principalmente, de centros de ensino. Ademais, o Concello ten previsto organizar en próximas datas novas visitas guiadas ao xacemento, do mesmo xeito que se fixera en anos precedentes.