O Concello ofreceu unha recepción oficial na honra do Club Deportivo Aldebarán tras alzar a Copa Príncipe de volei hai dúas semanas. Foi un acto sinxelo ao que asistiron tanto o equipo sénior e a súa directiva como representantes doutros clubes locais, ademais da práctica totalidade da corporación municipal. O alcalde, Secundino García, destacou e agradeceu tanto o recente éxito deportivo como o labor desenvolvido pola entidade que, en palabras de García, “é un exemplo en toda a comarca, en todo o País e en todo o Estado”. Alén da homenaxe ao equipo, a recepción tamén serviu para recoñecer o traballo do mestre xubilado Manolo Seco como principal impulsor desta disciplina no municipio.
Secundino García deulle as gracias ao Aldebarán por ser un motivo “para presumir fóra”. Neste sentido o alcalde lembrou que o éxito se debe a “persoas como Manolo Seco e outras moitas que fixeron posible que se puidese practicar este deporte”. García expresou a “satisfacción” que supuxo para o territorio alcanzar a Copa Príncipe e destacou que “con constancia e con ganas é posible competir na elite”. Neste sentido o rexedor animou ao club a que o recente éxito “sexa un punto e seguido” que sirva, ademais, para continuar “poñendo énfase no deporte para a mocidade” e, nomeadamente, “no fomento do deporte en igualdade (de xénero)”. Secundino García finalizou a súa intervención declarando que o acto desta mañá “é unha homenaxe para o equipo sénior, para todos os equipos do club, para a directiva e para toda a xente que está por detrás, sen a que isto non sería posible”.
Tralo agradecemento municipal, os membros do equipo da SM2 recibiron como agasallo unha caricatura de grupo asinada polo artista local Carlos García. Foi xusto antes de que o Concello tivese unha mención especial para Manolo Seco. El foi o que iniciou a andaina do volei en San Sadurniño hai 38 anos, cando chegou como mestre de educación física ao colexio público. Con el aprenderían esta disciplina milleiros de rapaces e rapazas e tamén foi un dos principais impulsores do club, nacido en 1992. Porén, tal e como el mesmo lembrou, “houbo moita xente que estivo comigo desde o principio”, enumerando a continuación nomes coma o do primeiro presidente, Manuel Romero, e o doutras persoas que participaron nas directivas ou traballando a prol do club.
Seco, que recibiu tamén unha caricatura personalizada de Carlos García, quixo darlle a noraboa ao equipo “sobre todo aos xogadores da casa” dos que destacou a súa calidade, aínda que tamén tivo palabras para os de fóra “porque son coma de San Sadurniño. Están integrados e demostran que lle queren ao clube.”
Como peche do acto, o actual presidente do Aldebarán, Juan Manuel García “Cobelo”, expresou o seu agradecemento ao Concello e ás sucesivas corporacións municipais polo apoio que lle brindaron ao club desde a súa creación. O presidente entregoulle ao alcalde unha camiseta asinada por todo o cadro. Cobelo dixo que era “un pequeno detalle que non chega á altura da achega municipal” para, deseguido, aproveitar a ocasión para pedir entre bromas que “este ano se incremente un pouquiño máis”. Antes de finalizar, Juan Manuel García volveu animar a “encher o pavillón” esta tarde -19.30h.- para o encontro ante o CN Boiro no que está en xogo a cuarta posición na táboa da SM2.