Saturday 16 de November de 2024

O Día da Ciencia na Rúa volve ao Parque de Santa Margarida o vindeiro sábado 4 de maio cun cento de actividades


Poderán visitarse os tres Museos Científicos de balde, con xornada de portas abertas dende as 10.00 ás 19.00 horas

O Concello da Coruña converterá un ano máis o Parque de Santa Margarida no epicentro da ciencia coa celebración do Día da Ciencia na Rúa. O Goberno de Inés Rey pon en marcha unha diversa programación con preto dun cento de actividades de bioloxía, tecnoloxía, matemáticas e física dirixidas a todos os públicos.

Participarán un milleiro de escolares de 54 centros educativos, procedentes da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Arzúa, Ribadeo, Miño, Ortigueira, As Pontes, Baio, Ribeira e Poio. Xunto a eles, persoal da investigación e divulgación presentarán un diverso programa de actividades para toda a cidadanía nas haimas da Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), a Fundación IMQ San Rafael, o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Un hotel de insectos, experiencias sobre hidróxeno verde, lentes de realidade virtual para ver o interior do corpo humano, un túnel de vento, a construción dun periscopio, un taller de panadería, un código Morse con Arduino, un proxecto de simulación da ecolocalización dos morcegos, filtros naturais para a auga ou un piano electrónico onde as teclas son froitas son algunhas das propostas para gozar e aprender neste Día da Ciencia na Rúa.

Tamén haberá numerosas actividades paralelas en torno ao edificio da Casa das Ciencias ofrecidas pola Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Incude (Iniciativas Culturais e Deportivas Universitarias), UDCiencia I+D. Ademais, a Banda Municipal da Coruña ofrecerá un concerto especial ás 12.00 horas e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade a partir das 17.30 horas.

O Día da Ciencia na Calle está organizado polo Concello da Coruña a través dos Museos Científicos, xunto coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra EMALCSA-UDC e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Xornada de portas abertas nos Museos Científicos e Castelo de San Antón

Ademais das actividades previstas, o Concello da Coruña ofrecerá a posibilidade de visitar de balde os tres museos científicos coruñeses cunha xornada de portas abertas na Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, en horario de 10.00 a 19.00 horas. O último acceso é ás 18 horas no Aquarium e ás 18.30 horas para a Casa das Ciencias e a Domus. Tamén se suma á xornada o Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, cunha visita guiada ao Museo.

Para visitar o Aquarium Finisterrae será imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación nesta dirección: https://ticketing.coruna.gal/mc2/aq/ Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva.
A visita á Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa, e sempre que a capacidade non estea completa. As persoas que queiran asistir a unha sesión de planetario na Casa das Ciencias deberán retirar invitacións, que se repartirán media hora antes de cada sesión na recepción do museo, entregando un máximo de 2 invitacións por persoa.

As sesións previstas son:
11.00 horas – «Á procura da estrela Rosalía». Sesión en directo (galego, dirixido a maiores de 10 anos)
12.00 horas – «Polaris» (galego, dirixido a maiores de 7 anos)
13.00 horas – «Viajando por el sistema solar». Sesión en directo (castelán, dirixido a maiores de 10 anos)
16.00 horas – «A voltas coa estrela Polar». Sesión en directo (galego, dirixido a maiores de 10 anos)
17.00 horas – «Hazelnuts» (castelán, de 4 a 7 anos)
18.00 horas – «Imaginando constelaciones». Sesión en directo (castelán, dirixido a maiores de 10 anos)