Friday 22 de November de 2024

Riveira será escala estable dos Cruceiros Costeiros de Galicia


O alcalde de Riveira, Manuel Ruíz, estivo presente na presentación oficial a nivel nacional dos Cruceiros Costeiros de Galicia onde Riveira vai ser unha das localidades seleccionadas por Portos de Galicia e o Departamento de Turismo da Xunta de Galicia como escala estable dos cruceiros.

En Arousa Norte, solo Riveira e Boiro participarán durante o ano 2016 nesta nova oferta de cruceiros que dende o 15 de abril ata mediados de outubro comezará cada semana a dar a coñecer os atractivos de Ribeira a axencias de viaxes de España, Portugal, outros países europeos e a grandes colectivos de profesionais e sociais a nivel de España e Portugal.

Grazas ás xestións realizadas polo alcalde ante Portos de Galicia, Riveira estará dende o primeiro momento nesta nova oferta. Na reunión que mantivo o alcalde co presidente de Portos de Galicia, acordouse que nos vindeiros días desplazarase o presidente de Portos, xunto co presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas e os responsables dos dous cruceiros para definir polo miúdo as actividades e elementos a visitar durante a súa estancia en Ribeira, así como a estratexia de colaboración para convertir a Ribeira de municipio costeiro en Destino Náutico e o seu porto nun porto Friendly.

Con estas accións búscase por un lado, que Riveira teña unha ruta
estable e viable que a comunique co outro lado da ría, que aumente o número de veleiros que coñecendo en flotilla nos cruceiros Riveira, repita posteriormente, e que sitúe no mapa internacional a Sálvora e Riveira como destino atractivo no marco do camiño marítimo a Santiago do Mar de Arousa e Río Ulla.

Riveira estará incluída na ruta do Cruceiro Illas Atlánticas e Vilas
Mariñeiras, dirixida a un público que se aloxará na Illa da Toxa e de alto poder adquisitivo. A ruta comezará na Toxa, posteriormente
visitará Cambados e logo chegará pasando por Sálvora ata Riveira onde terá lugar o almorzo e unha visita a localidade.

Están previstas 25 saídas para este ano 2016.

O presidente da Asociación Galega de Actividades Náuticas, Manuel Soliño, lembrou na presentación realizada en Fitur ante os Ministros de Fomento e Xustiza, que estes cruceiros costeiros están acreditados baixo os requisitos de Calidade náutica NEA (Nautismo no Espazo Atlántico), do que forma parte Reino Unido, Irlanda, Francia, España e Portugal, e que como as Semanine de Petit Cabotage da Bretaña Francesa, inclúen obrigatoriamente patrimonio natural, que en Riveira sería Sálvora, e patrimonio cultural coa visita a vila e o seu patrimonio mariñeiro.

Na presentación lembrouse que estos novos cruceiros vanse
comercializar a través de 6.500 axencias de viaxes de distintos grupos nacionais e internacionais, co impacto para Riveira que iso podería supor. Tamén se poderá obter máis información e nos vindeiros días reservar no portal náutico da rede NEA www.nauticdestination.com.