• O novo equipamento permitirá reforzar os traballos de desbroce de estradas, pistas e camiños no municipio
O Concello de Laxe vén de recibir por parte da Consellería de Medio Rural a cesión temporal dun novo tractor con rozadoira para levar a cabo traballos de limpeza nas vías municipais.
O tractor servirá para a realización de labores de roza e mantemento de estradas, pistas e camiños rurais no municipio. Durante un período de seis meses, o Concello contará con este equipamento para o coidado e limpeza da maleza nestas vías, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais de cara á tempada estival.
O alcalde, Francisco Charlín, asinou o documento de cesión temporal e agradeceu a cesión desta maquinaria “que será de gran axuda á hora de continuar cos traballos de limpeza no noso rural e manter, así, limpos os nosos camiños, pistas e estradas de maneira moito máis eficaz”.
Co verán ás portas, destacou, “é especialmente importante manter todas estas vías libres de maleza e coidadas para prever incendios ou que, de habelos, sexa máis fácil controlalos”.