Friday 22 de November de 2024

Alternativa reclama á Xunta o arranxo da estrada AC161, entre “Os Condes” e Miodelo


Alternativa dos Veciños pon en valor unha moción plenaria aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación en xaneiro de 2022

Alternativa pon de manifesto o deterioro galopante dunha vía de comunicación tan importante para o noso municipio e que semella estar esquecida dentro dos plans de mantemento e conservación da Axencia Galega de Infraestucturas (AXI)

En xaneiro de 2022 o pleno da corporación municipal de Bergondo aprobaba, por unanimidade, unha moción presentada polo noso grupo na cal se solicitaba á Xunta de Galicia o seguinte:
A estrada autonómica AC161 (As Angustias-Bergondo) ven arrastrando, na parte que se corresponde co termo municipal de Bergondo, unha serie de problemas que, ao noso entender, requiren -por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade- dunha necesaria planificación e investimento, a curto/medio prazo, en certas obras de conservación e mantemento. Por unha parte; dende hai anos véñense sucedendo nela un salientable número de incidencias derivadas de afundimentos en varios tramos como consecuencia da antiguidade das súas conducións de augas pluviais. Por outra banda; o firme da estrada comeza a sinalar unha clara necesidade de renovación, máis apreciable nunhas partes ca en outras, mais recoñecible todo ao longo do seu trazado, cando menos dende Miodelo ata “Os Condes”.
Ligado co anterior, consideramos que tamén cabería implementar melloras en canto á seguridade viaria na mesma. Por todo o exposto, suxerimos á Consellería as seguintes actuacións:
Primeira – A principal e máis necesaria ao noso xuizo nestes momentos sería a reconstrución das conducións de augas pluviais da estrada, para, a continuación extender unha nova capa de aglomerado sobre a mesma.
Segundo – Entendemos que sería de gran utilidade contemplar, no mesmo proxecto, medidas correctoras para contribuir a reducir a velocidade dos vehículos que circulan pola vía. Son múltiples as queixas de residentes na zona debidas ás altas velocidades dos turismos e motocicletas.
Terceiro – Na liña do anterior, entendemos que se tería que facer unha redistribución ou reformulación dos puntos da estrada susceptibles de poder acoller pasos seguros de peóns.
Noutra orde de cousas, suxerimos se estude, por parte da Consellería, a posibilidade de habilitar unha senda peonil que una, por esta mesma estrada AC161, os lugares de Miodelo en Bergondo e Vista Alegre/As Angustias en Betanzos. O modelo a imitar podería ser o que xa existe na AC162 (entre San Cidre e Tatín). Modelo que permite a circulación segura de peóns e ciclistas.

Esta era a nosa diagnose do problema naquel momento (máis de dous anos atrás) e as propostas de solución suxeridas. No tempo transcorrido ata agora a Xunta non ten actuado en ningún aspecto dos solicitados polo acordo plenario. Como é de supoñer e como calquera usuario da vía ou veciñ@ da zona pode comprobar, o deterioro da vía acelerouse notablemente dende entón, facéndose a cada paso máis urxente levar a cabo as reparacións ou obras necesarias.
Dende Alternativa dos Veciños de Bergondo non queremos crer que a Xunta de Galicia faga caso omiso das solicitudes de concellos gobernados por opcións políticas diferentes á que sustenta o goberno autonómico, mais si é certo que segundo pasa o tempo custa cada vez máis traballo nos sospeitar tal posibilidade. Idea ou posibilidade que, por certo, se está a asentar -e de que xeito- no sentir xeral da poboación dos municipios pouco agraciados polo investimento en infraestruturas por parte da AXI.
Xa que logo reclamamos á Xunta de Galicia que planifique con urxencia un proxecto axeitado e con fondos suficientes para o arranxo dunha importante vía de comunicación como é a AC161.