Thursday 21 de November de 2024

Máis de 350 participantes repartidos en 51 grupos e chegados de 26 agrupacións participaron no XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela


– O Auditorio do CCC Arteixo recibiu en horario de mañá e tarde, a pandeireteiras/os, así como ao público que acudirá a gozar da súa actuación.

– Repartíronse 2.400 euros en premios sumando as catro categorías a concurso.

Un total de 351 persoas integradas en 51 grupos procecedentes de 26 agrupacións tomaron parte no XXIV Concurso de Música Tradicional de Xiradela no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo. Nesta cita colabora o Concello de Arteixo.

Nesta 24.ª edición do Concurso de Música Tradicional de Xiradela houbo catro categorías que se dividen en función das idades das persoas integrantes do grupo. Para cada unha desas categorías houbo premios en metálico para primeiro, segundo e terceiro clasificado, ademais dun trofeo para o colectivo con mellor vestiario. Alcánzase no global a cantidade de 2.400€ en premios. Os grupos participantes podían ser: femininos, masculinos ou mixtos, e será obrigatorio o uso do traxe tradicional.

Houbo catro categorías determinadas pola media de idade do grupo. Ningún membro do grupo podía superar en máis de dous anos a idade máxima da categoría”.

Premios por categorías

CATEGORÍA A: ata aos 9 anos.
1°premio: “Paroleiras” da Asociación Cultural Donaire
2°premio: Grupo “E” da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos
3° premio: “Rianxeiras” da Asociación de Música e Baile Tradicional Vai de Roda.
Premio vestiario: “Roleiras” da Asociación Cultural Agrocovo

CATEGORÍA B: dos 9 aos 13 anos.
1° premio “Macacos de Lourenzá” da A. C. Osorio Gutiérrez
2° premio ” Libeliñas” da A.C. Xacarandaina
3° premio ” Caramuxos” da Asociación folclorica O Fiadeiro
Premio o mellor vestiario categoría B ” Titiriteiros” da A.F. Tarambainas

CATEGORÍA C: dos 13 aos 17 anos.
1° premio “retranqueiriños da A.C. retranqueiros.
2° premio “Tres pés pa’un banco” da A. M. Mediarea
3° premio “As Xaviñanas” da Universidade popular de Corcubión
Premio o mellor vestiario “Pingas de Son” da A.C Xacarandaina

CATEGORÍA D: dos 17 anos en diante.
1° premio “Argalleiros ” da A.C. Xacarandaina
2° premio ” grupo A ” da A C. Retranqueiros
3° premio “Latriqueiras” da A.C. F O Fiadeiro
Mellor vestiario ” Ferriñas Bravas”

Os premios eran os seguintes para cada categoría:

1º premio: trofeo e 300 €
2º premio: trofeo e 200 €
3º premio: trofeo e 100 €

Premio ao mellor vestiario en cada categoría: Trofeo

No momento da cualificación o xurado tivo en conta:

A autenticidade da peza, que terá que ser tradicional.
A súa dificultade.
Afinación.
Interpretación.

Formou parte do xurado a informante Teresa dos Cucos. Esta veciña da aldea de Pontella, na parroquia de Santirso de Villanueva (Malpica) é historia viva do folclore galego. Ela é unha desas mulleres de Bergantiños ás que a A.X. Xiradela ten como referente. Teresa dos Cucos ten actuado con artistas de primeiro nivel, pero sobre todo é unha conservadora da nosa cultura tradicional que transfire de forma oral ás novas xeracións. A súa presencia neste concurso foi unha honra para todos os asistentes.

QUEN SOMOS

A Asociación Xuvenil Xiradela, radicada no concello de Arteixo, nace no ano 1982 co obxectivo de recuperar o noso folclore e gozar do tempo de lecer, así como de colaborar con outras asociacións ou entidades que nos permiten, por un lado difundir o noso traballo, e por outro, axudan a promover a socialización dos rapaces con xente doutras asociacións.

Comezamos impartindo a actividade de baile tradicional, e despois ampliamos ás actividades de pandeireta e canto tradicional, gaita e percusión.

A partir do ano 1984 créase un grupo de investigación para a recollida de música, cantigas, literatura oral, costumes, bailes e traxes dos nosos devanceiros, a súa recuperación e divulgación, pretendendo ser o máis fieis posibles coa máis pura tradición galega.

Ademais do concurso de música, dende o ano 1987 e de xeito continuo vimos celebrando o Día da Muiñeira en Arteixo no mes de xuño. Trátase dunha exhibición na rúa de bailadores e bailadoras da peza máis emblemática do noso folclore.

No caso do Concurso de Música Tradicional é un acontecemento que nacía no ano 2000 coa intención de promover a participación das escolas de música tradicional para que a mocidade puidese ter máis actuacións e relacionarse entre si, facilitando de este xeito o coñecemento da nosa cultura.