Thursday 21 de November de 2024

Máis de cen persoas sumáronse este domingo a andaina saudable por terras de Neda e de Narón


Un centenar de veciños e veciñas participa esta mañá na Andaina saudable por Neda e Narón, organizada polo Concello de Neda no marco da súas propostas de lecer activo. A ruta circular, que esgotou prazas en apenas 48 horas, levou aos participantes a coñecer algúns dos puntos de maior interese do Camiño Inglés na localidade veciña, antes de percorrer parte da fachada marítima nedense. O ciclo de camiñadas contará con novas entregas nos meses de maio e xuño.

O grupo, que partía do centro cívico ao redor das 10 horas, utilizou o paso peonil de ADIF para chegar ata as inmediacións do Mosteiro do Couto, seguindo dende ese punto o trazado da ruta de peregrinación a Santiago ata entrar de novo en Neda. Así, os camiñantes pasaron así nesta xornada solleira por puntos de interese como o muíño das Aceas ou o paseo de Xuvia ata alcanzar a ponte peonil que une as dúas beiras da ría, é dicir, os dous concellos.

Xa en Neda, a expedición seguiu o paseo marítimo, pasando pola marisma do Coto, ata chegar aos Subarreiros e a ribeira de San Nicolás, onde tomaron a rúa do Castro para enfilar o último tramo do percorrido, duns 9,5 km e baixa dificultade, que completou en pouco máis de dúas horas.
O Concello de Neda contou nesta actividade co apoio da Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Neda. E colaboraron ademais a Asociación de veciños San Pelaio do Roxal e máis a Sociedade Cultural e Deportiva do Roxal. O ciclo de andainas, que busca fomentar hábitos de vida saudables a través da práctica deportiva, terá continuidade ata chegar ao verán.