Saturday 16 de November de 2024

Marta Abal insta ao goberno local a encargar un estudo que avalíe a situación do Refuxio de Bando e marcar un plan de actuación


Recalca a necesidade de inversións nas instalacións e no reforzo do persoal pero recoñece que o mantemento lle corresponde á Fundación da que forman parte outros nove concellos aos que presta servizo

“Propoñemos tomar a iniciativa, encargar unha análise con cargo aos orzamentos municipais para trasladar os resultados ao Padroado da Fundación, porque o que non é unha opción, é quedarnos de brazos cruzados” afirma

A situación na que se atopa o Refuxio de Animais de Bando será motivo de debate no pleno municipal de este mércores a proposta dos socialistas. Marta Abal instará ao goberno local a que “tome a iniciativa” e encargue un estudo que avalíe o estado das instalacións, tanto dende o punto de vista das infraestruturas como do persoal ao servizo da mesma, cuantificando as necesidades de investimento. Así mesmo, este documento deberá recoller as solucións de recursos humanos para “atender con dignidade a todos os animais acollidos” explica.

A edil socialista, aínda que recoñece que, á vista dos estatutos da Fundación, lle corresponde a esta e non ao concello de Santiago, a xestión e mantemento das instalacións. Sen embargo, entende Marta Abal que “o que non é unha opción é quedarnos de brazos cruzados mentres as instalacións seguen deteriorándose”. Por ese motivo reclama que o propio Concello contrate con cargo aos orzamentos municipais de este ano este estudo para trasladalo, posteriormente, ao Padroado da Fundación do que forman parte os outros nove concellos para os que presta servizo -Teo, Vedra, Boqueixón, Touro, Brión, Val do Dubra, Dodro, Trazo e Padrón-.

O impacto da lei de protección dos dereitos e benestar dos animais

O pasado mes de setembro do 2023 entrou en vigor a Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e benestar dos animais. Unha lei que recolle o dereito a bo trato, respecto e protección dos animais e que aprema, “máis aínda”, as necesidades do refuxio.

“Aínda que nos últimos anos fixéronse, con cargo aos orzamentos do Concello de Santiago diversos investimentos para a mellora das instalacións, na actualidade puxéronse de manifesto máis necesidades, sobre todo coa entrada en vigor da lei” explica Abal que urxe a todas as administracións implicadas a abordar “canto antes” esta situación. De feito, propón que, previa contratación do estudo sobre as instalacións, se convoque o Padroado da Fundación “para dar conta de dita contratación e do seu obxecto e finalidade”.