Friday 22 de November de 2024

Feijóo destaca o estilo perenne de Fernando Ónega, a quen considera un dos máximos representantes do novo xornalismo


Afirma que o que permite que un determinado estilo sexa sempre novo son dúas características que están moi acusadas en Fernando Ónega e son unha distancia que non é desdén, senón respecto, e unha certa tenrura

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o estilo perenne de Fernando Ónega, a quen considera un dos máximos representantes do novo xornalismo.

Así o expresaba o titular da Xunta na XXI Edición do Premio Xornalístico Diego Bernal 2016, que nesta ocasión lle foi concedido ao xornalista de Pol, quen, segundo Feijóo, demostra todos os días que o clásico pode ser novo e o novo pode ser clásico.

Neste senso, sinalou que o que permite que un determinado estilo sexa sempre novo son dúas características que están moi acusadas en Fernando Ónega e son unha distancia que non é desdén, senón respecto, e unha certa tenrura.

O presidente do Goberno galego asegurou que Ónega practica un periodismo que, sendo incisivo, non necesita ferir e que, recollendo unha actualidade que o tópico chama palpitante, non ten que provocar hipertensión.

O xornalista da Transición
Así mesmo, Feijóo citou a Francisco Umbral cando nunha ocasión afirmou que “detrás da transición española está a pluma de Fernando Ónega”, unha pluma que, como sinalou, sendo ás veces visible e outras invisible, facía xornalisticamente normal o que nas rúas xa era normal, e que logrou que as palabras fosen apertas.

Neste senso, o máximo responsable da Xunta engadiu que ese desexo por manter viva a memoria de feitos lutuosos ou traxedias pasadas, debería combinarse coa lembranza de momentos históricos que demostraron que españois e galegos non somos unha anomalía.

O presidente da Xunta lembrou que Fernando Ónega ten reivindicado certeiramente a memoria de Adolfo Suárez, sendo en ocasións unha voz que clamaba en medio de feroces ataques contra un dos grandes artífices da democracia española.

Con respecto a isto, reivindicou tamén a figura de Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente autonómico de Galicia, e negou que tanto el coma Suárez formen parte dunha vella política que cumpra desterrar, senón dunha política sempre nova, imprescindible, en circunstancias como as que estamos a vivir.

Por outra banda, o titular da Xunta fixo fincapé en que o Premio Diego Bernal deste ano acredita que Fernando Ónega segue a tradición de tantos outros periodistas que galeguizaron España, levando ao epicentro do poder unha sabedoría aprendida en lugares como Mosteiro.

Neste senso, asegurou que a clave da transición foi a man visible ou invisible dos galegos e destacou que se pode dicir que tamén en mans dos galegos está a saída mais axeitada para a encrucillada na que estamos.