Saturday 16 de November de 2024

Instalada a pasarela entre Agramar e Areeiros, preto do Sol y Mar


A pasarela que facilita a comunicación ciclopeonil entre as prazas de Agramar e Areeiros, na contorna do Sol y Mar e relacionada coas obras complementarias do pequeno túnel da Avenida das Mariñas, quedou instalada hoxe.

Esta estrutura metálica foi unha petición municipal para permitir a conexión entre dúas zonas urbanas que merecían unha maior facilidade para a mobilidade veciñal. A acción forma parte dunha serie de obras que complementan o novo túnel, xa parcialmente operativo.

Ademais desta pasarela están realizándose outras melloras que axudarán a que esta contorna limítrofe coa estrada radial mellore as súas condicións de habitabilidade urbana. Estas melloras consisten en reurbanizar completamente a rúa As Garridas, crear un bypass en Agramar para mellorar a operatividade viaria da praza, así como o acceso a algúns garaxes, que non terán que ir dar volta á ponte da Pasaxe.

Tamén se renovarán as beirarrúas de Areal, pavimentarase o estacionamento desa rúa e crearase un vial de conexión coa rúa Revolta, ademais de instalar novas marquesiñas. O conxunto destas accións costan ao ministerio de Infraestruturas 800.000 euros.