Paralelamente a especialidade de traballos de carpintería e moble actúa na mellora do paseo fluvial do Anllóns.
O Concello ten en marcha desde hai case cinco meses o Obradoiro de Emprego A Laracha VIII, o oitavo programa dual de formación e emprego que organiza co apoio económico da Xunta de Galicia para ofrecer posibilidades formativas e acometer obras de interese xeral para a cidadanía larachesa. Conta cun total de vinte alumnos traballadores repartidos entre as especialidades de operacións básicas de revestimentos lixeiros e técnicos en construción e a de traballos de carpintería e moble.
A primeira desas especialidades está a centrar o seu labor actualmente na rehabilitación integral do centro sociocultural da parroquia de Erboedo, onde hoxe recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Emprego, Rocío López. No interior do edificio vaise crear unha única sala diáfana para un mellor aproveitamento dos espazos. Tamén se farán un novo aseo adaptado e un espazo de almacén e renovaranse o solo, as carpinterías interiores e as instalacións eléctricas e de fontanería. No exterior, ademais da reparación e a pintura das fachadas, está a ser mellorada a accesibilidade creando unha rampla de acceso que salve o desnivel existente.
Dispoñer dun centro sociocultural renovado en Erboedo será un aliciente para que a cidadanía participe nas actividades de tipo social e cultural que o Concello organiza nesa parroquia e tamén nas que promova o tecido asociativo.
Pola súa parte, a especialidade de traballos de carpintería e moble está a traballar na mellora da pasarela de madeira do paseo fluvial do río Anllóns.
Outras actuacións encomendadas ao obradoiro de emprego durante a fase práctica son a rehabilitación do centro sociocultural de Cumiáns, o peche perimetral do Castro de Montes Claros e a creación de novo mobiliario para o espazo de lecer xunto ao campo de fútbol de Vista Alegre e para a Ribeira de San Fins.
O alumnado traballador do Obradoiro de Emprego A Laracha VIII está a ter a oportunidade de aprender un oficio tanto a nivel teórico como práctico por un período de doce meses, tempo no que perciben unha remuneración económica ao estar vinculados ao Concello cun contrato de formación. Ao remate do obradoiro, en caso de completar a aprendizaxe con éxito, obterán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.
Ao cargo do programa está o equipo directivo, formativo e administrativo composto por cinco persoas: directora, mestre de ensino básico, auxiliar administrativo e mestre de cada unha das dúas especialidades.