Friday 22 de November de 2024

O Concello de Cerdido e a Xunta de Galicia colaboran para mellorar as instalacións do CEIP A Barqueira


 O rexedor local, Alberto Rey, recibiu no centro ao xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, para coordinar as obras de renovación do vestiario do patio

 A Xunta valorará tamén a posibilidade de renovar o tellado do patio do centro para poder realizar nel eventos e practicar distintas disciplinas deportivas

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, recibiu esta mañá no CEIP A Barqueira ao xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, Indalecio Cabana, para coordinar as obras de renovación do vestiario do patio que restaban para completar a actuación de mellora e mantemento das instalacións.
Durante a visita, Cabana anunciou que a Xunta de Galicia valorará tamén a posibilidade de levar a cabo a renovación do tellado do patio do centro, convertendo así o espazo nun local apto para realizar xogos e eventos durante todo o ano.
O rexedor, Alberto Rey, quixo subliñar “o compromiso, tanto do delegado de Educación como da Xunta de Galicia, á hora de amosarnos o seu apoio para realizar investimentos en distintas infraestruturas no noso municipio que redundan nunha mellora dos servizos para a nosa veciñanza”.
Rey recalcou que “todos estes investimentos están encamiñados a establecer unha ensinanza de calidade, que é unha das prioridades do noso equipo de goberno”.