Na actuación, que comezará ás 12.15 horas, participarán tamén a mezzosoprano galega Aida Cruz e o trompa solista Juan Manuel Gómez, da Orquestra Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya
O Concello da Coruña promove este domingo 21 un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), no que a agrupación pechará a súa tempada de outono, inverno e primavera cunha derradeira actuación no Teatro Colón, que contará coa presenza de múltiples artistas convidados.
Este concerto de clausura, que terá lugar ás 12.15 horas e será de acceso libre ata completar a capacidade do teatro, abrirase coa peza ‘Celebration’, do compositor inglés Philip Sparke, unha oda á unidade humana, cunha perspectiva musical optimista, ideada para lle dar a benvida ao público.
Será o punto de partida dunha actuación que continuará cunha peza específica para trompa e banda, ‘Connection’, de Óscar Navarro. Nesta fase do concerto cobrará protagonismo a figura de Juan Manuel Gómez, trompa solista da Orquestra Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya.
A segunda parte da actuación inclúe o prato forte da programación: a cuarta sinfonía do compositor neerlandés Johan de Meij, un referente da composición para banda, que homenaxeará a un dos grandes sinfonistas dos séculos XIX e XX, o austríaco Gustav Mahler. Para a interpretación desta peza, a Banda Municipal contará coa participación da mezzosoprano galega Aida Cruz, mestra de canto no Conservatorio Superior de Música da Coruña, así como das nenas e nenos do Coro Cantábile, aos que acompañarán Pablo Carballido como director do Coro e Juan Miguel Romero Llopis, director titular da BMMC.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá continuidade á programación cultural prevista neste primeiro semestre, amosando novamente o seu compromiso coa posta en valor das principais agrupacións do tecido musical da cidade, achegándoas á cidadanía e visibilizando o seu traballo e tradición.