O Concello recorda, ademais, que o luns finaliza o prazo de reserva de espazos para a Feira da Plantación do domingo 28
O Concello de San Sadurniño programa ao longo do ano múltiples actividades formativas relacionadas co desenvolvemento local, sobre todo as referidas á posta en valor de todo o potencial produtivo dun rural que sexa capaz de abastecer os mercados próximos tendo por bandeira a sostenibilidade social e ambiental. A próxima que se vai organizar é un curso de conservas vexetais que terá lugar no local social de Lamas os días 4, 5 e 12 de maio en horario de mañá. Ofértanse 20 prazas e o período de preinscricións xa está aberto. O prezo son 40€.
Este curso impartirao a experta en agroecoloxía Cyntyia Arias, quen mostrará a teoría e a práctica de distintas técnicas que nos permitirán sacarlle maior partido á nosa horta, incluso fóra de temporada.
Arias forma parte do centro de transformación A Fusquenlla e falará durante os días 4, 5 e 12 de maio de 9:00 a 14:00h dos aspectos básicos da conservación de alimentos, da hixiene e dos pasos que se deben seguir nas elaboracións dependendo do tipo de produto que se queira preservar, ademais de facilitar apuntamentos e varias receitas. Mesmo comentará os múltiples beneficios para a saúde e curiosidades das conservas e encurtidos.
Trátase dunha acción formativa de 15 horas de duración aberta a maiores de 18 anos para a que hai 20 prazas dispoñibles, aínda que será necesario xuntar un mínimo de 10 persoas para levala a cabo.
Para participar, en primeiro lugar haberá que preinscribirse cubrindo esta ficha, que logo ten que mandarse ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou rexistrala pola Sede Electrónica.
Unha vez que o Concello nos confirme a admisión deberemos pagar a matrícula ingresando 40€ na conta ES7420800208013110000059 co concepto “Curso conservas vexetais” e o nome da persoa que vai facer o curso. Logo teremos que enviar o xustificante do ingreso/transferencia ao mesmo enderezo ou rexistralo na Sede Electrónica.
O luns finaliza o prazo de inscrición de postos na Feira da Plantación
En relación co medio rural, desde o Concello tamén se recorda que este luns 22 de abril remata o prazo de solicitude de espazos para a XXVII Feira da Plantación, que terá lugar no recinto da Cortiña o domingo 28. As peticións poden presentarse no rexistro municipal (ata as 14:00h), na Sede Electrónica (ata as 24:00h) ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña).
Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar e as entidades sen fins de lucro poderán instalarse de balde, aínda que deberán presentar a solicitude igualmente.