Friday 22 de November de 2024

A banda de rock Forraje regresa aos escenarios cun concerto na festa do Carme dos Pincheiros da Pobra


O mundo do rock está de sorte co regreso de Forraje aos escenarios. En 2015 publicou o disco de despedida Quince duchas de agua helada, pero agora a banda volve renovada e con novas cancións.

E, como boa nova para as persoas seguidoras da formación, xa hai data: será no 16 de agosto, cun concerto que se ofrecerá na praza Alcalde Segundo Durán, dentro da programación da festa do Carme dos Pincheiros da Pobra do Caramiñal. Nesta sesión musical contarase tamén coa actuación de Toboghán.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, explica que “este é un adianto da axenda coa cal contaremos para unha das celebracións máis importantes da nosa localidade durante o verán. Trátase do regreso, nin máis nin menos, dunha banda de rock con gran repercusión no panorama musical español e non hai mellor maneira para facelo ca na súa casa, na Pobra do Caramiñal.”

Neste 2024, a agrupación liderada por Antonio Suárez, LÜlu, xa comezou a sacar singles que irán vendo a luz regularmente ao longo do ano. O primeiro: Queriéndome a solas, dispoñible dende o día 15 de marzo en tódalas plataformas dixitais acompañado dun videoclip. Durante a súa carreira, Forraje publicou catro discos de estudio (Estoy Que Muerdo, 2003; Diario de un alma rota, 2006; Retales de vino y luna, 2009; e Quejidos que no escucha nadie, 2013) e o CD+DVD en directo xa mencionado (Quince duchas de agua helada, 2014).