Friday 22 de November de 2024

O PSOE destaca os investimentos do goberno do Estado en marcha en Santiago: 220 millóns de euros


O senador por Santiago, Sánchez Bugallo, destaca entre os investimentos o incremento da aportación para a depuradora e as obras do Orbital que finalizarán no verán e avanza a redacción do proxecto para un novo aparcadoiro da Intermodal

O secretario xeral dos socialistas na provincia, Bernardo Fernández, destaca o compromiso do goberno de Pedro Sánchez con Santiago: “son feitos constatados e constatables”.

Sobre a operación Peleteiro, Aitor Bouza avanza unha posición “de cidade” e demanda explicacións por parte do goberno municipal “que foron os que nos trouxeron aquí”.

A modo de rendición de contas, os representantes da provincia de A Coruña nas Cortes do Estado ofreceron este xoves unha rolda de prensa na que fixeron balance dos primeiros meses da XIV lexislatura en relación á cidade de Santiago de Compostela. Un balance que deixa 220 millóns de euros na cidade en forma de inversións do Estado, dos que 20 van parar ao Concello e será a administración local a que os deberá xestionar: “o novo goberno ten un reto importante para levalos a cabo” explicou Sánchez Bugallo.

O senador por Santiago e exalcalde, destacou o traballo feito durante o mandato socialista para a consecución de eses fondos, entre os que destacou a plataforma de reparto de mercadorías, as rehabilitacións dos pavillóns de Vite ou Santa Isabel ou as actuacións de recuperación da contorna do Banquete de Conxo, os ríos Sar e Sarela ou a lagoa do auditorio.

“Son feitos constatados e constatables” destacou o secretario provincial do PSdeG, Bernardo Fernández, que evidencian, insiste, “o compromiso do goberno do Estado e do Partido Socialista con Santiago”. Este foi o primeiro dos encontros que os representantes en Congreso e Senado terán por toda a provincia para explicar “avanzar as explicacións que son importantes para a cidadanía” e que esta coñeza “cales son os logros e os avances do goberno de España” destacou Aitor Bouza.

A inversión do Estado calcúlase a máis de 2.000 euros por habitante

Entre os investimentos en marcha do goberno do Estado na cidade, Sánchez Bugallo destacou as obras do enlace Orbital que está previsto que finalicen este mesmo verán facilitando a mobilidade nos polígonos co obxectivo de “desatascar” o nodo de San Lázaro.

Tamén as obras da nova Intermodal seguen o seu curso coa previsión de que rematen o vindeiro ano, ao tempo que se avanza o proxecto de redacción do novo aparcadoiro que dará servizo á estación. Con ese proxecto, segundo debullou Bugallo, pasaría da capacidade actual de 400 vehículos a preto de 900. Os plans do goberno central pasan por incluír este proxecto nos orzamentos de 2025 e que estea operativo no 2026.

Sánchez Bugallo destacou tamén o incremento da aportación do Estado para a financiación da nova depuradora da Sionlla, pasando do 65 ao 80% do importe total, o que permite cubrir o incremento de costes e evitar que tivese que facer fronte a este o Concello. Fronte a isto, critica, a Xunta mantén o seu compromiso cerrado de 10,8 millóns e “non incrementa nin un euro”.

En total, con todas as actuacións en marcha por parte do Estado en Santiago, o importe total da inversión do goberno de Pedro Sánchez supera os 2.000 euros por habitante.

Os trens AVRIL sitúan a Santiago e Galicia “na vangarda das comunicacións ferroviarias”

A deputada socialista, Montse García Chavarría puxo o foco na chegada dos trens AVRIL que supoñen a expansión da alta velocidade a todas as cidades de Galicia, particularmente a Santiago. Será o vindeiro 21 de abril cando os novos convois entren en funcionamento e que suporán, non só a redución de prazo, senón unha ampliación da capacidade e “melloras en materia de accesibilidade e comodidade”: “poñemos a Galicia na vangarda das comunicacións ferroviarias” destacou García.

Son 33.000 os billetes que se porán á venda a vindeira semana a un prezo de 18 euros. A posta en marcha da alta velocidade en toda Galicia, explica a deputada socialista, é froito dun “inxente traballo” previo na Comisión de Transportes na que participou durante a anterior lexislatura.

“Estamos demostrando que o Partido Socialista é capaz de xerar riqueza, distribuíla mellor e crear benestar social”

Pola súa banda, a deputada socialista Obdulia Taboadela destacou as boas cifras da economía española fronte os “falsos problemas” que propón o PP para “alonxar a mirada dos problemas reais de este país e o traballo que o goberno está a facer para resolvelos”.

Nomeadamente, Taboadela destacou as 21 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social que hai na actualidade con reducións da taxa do paro “máis que significativas”. Unhas cifras que en Santiago se traducen en 70.000 persoas traballando e só 3.900 en paro -fronte as 60.000 traballando e 6.000 en paro que había no 2019-. Uns datos que, segundo Taboadela, demostran que o PSOE é capaz “de xerar riqueza, distribuíla mellor, e crear benestar social”.

Sobre a operación Peleteiro “agardamos explicacións por parte de quen nos trouxo ata aquí e imos estar sempre ao carón da cidadanía”

A preguntas dos xornalistas sobre a actual situación da operación Peleteiro, o secretario xeral dos socialistas en Santiago, Aitor Bouza, adiantou que a postura do PSdeG pasará polo que “máis beneficie á cidadanía”. Neste sentido, insistiu en que son necesarias explicacións por parte do goberno local “porque foron os que nos trouxeron ata aquí”, lembra en referencia ao bloqueo da oposición á modificación do Plan Xeral que levara a pleno o executivo de Sánchez Bugallo en decembro do 2022.

“Isto é o resultado dunha enorme irresponsabilidade” apuntou o propio Bugallo que asegurou que esta cuestión -a reurbanización da parcela do antigo colexio- podería estar xa solucionado, “pero houbo tres grupos políticos que decidiron que o obxectivo máis importante era cambiar de alcalde e non resolver este tema”.

Insiste o ex-alcalde nas moitas advertencias “públicas e privadas” que lle trasladara á oposición do “risco que se estaba correndo” ante a posibilidade de que a propiedade optase por construír o que efectivamente recolle o planeamento vixente: un gran centro comercial con medio centenar de vivendas turísticas.

“A propia empresa advertiu a todos os grupos políticos que se non saía adiante o proxecto negociado eles ían tirar co previsto no PXOM” explicou Sánchez Bugallo que tamén cuestionou a postura do executivo de Sanmartín que agora sinala ao goberno do Estado para que este interceda na cuestión: “agora o que se intenta é dicirlle ao goberno central, arránxame ti este lío no que me metín”.

“Se hai unha posibilidade de que o Estado o arranxe, estaríamos contentos”

A pesar da dureza coa que o que fora rexedor cuestionou a postura de Sanmartín, tamén defendeu que, de haber posibilidade de que o Estado actuase, sería “unha boa nova”. En todo caso, insiste en que o goberno e a Sareb son dúas cousas distintas, xa que a relación entre ambos é que o Estado ten unha participación na sociedade.

“Nós, como xa o fixemos, imos estar sempre ao carón da cidadanía” concluíu Bouza que agarda ás explicacións que a alcaldesa lle ofreza aos axentes sociais na Comisión Mixta.