Friday 22 de November de 2024

Rematan as clases da sétima edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia na Pobra coa visita a Mupega


As aulas da sétima edición que se desenvolve na Pobra do Caramiñal do programa de democratización do coñecemento Camiños de Coñecemento e Experiencia chegaron á súa fin coa visita ao Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega). Esta saída constituía a parte práctica do coloquio Escolas, alumnos e mestres nas vilas e aldeas de Galicia (1750-1950) impartido por José Manuel Vázquez Lijó.

Unha anécdota que marcou esa xornada foi que unha das fotografías expostas no Mupega se corresponde con alumnado da antiga escola unitaria da Ribeiriña na época da Transición e a profesora, curiosamente, é unha das 49 veciñas e veciños maiores de 50 anos que participan neste proxecto formativo e de extensión cultural da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que conta coa colaboración da Concellaría da Cultura.

As outras dúas clases teórico-prácticas que integraron esta convocatoria foron A relevancia, a diversidade e a riqueza do patrimonio cultural inmaterial galego: unha aproximación á historia da música galega e aos instrumentos de percusión, con María González Blanco, e Plantas medicinais: aplicacións e usos, da man de María Pilar Riveiro López.

A clausura oficial será co tradicional acto académico en Santiago de Compostela.