Friday 22 de November de 2024

As contas da Secretaría Xeral da Emigración nas redes sociais creceron un 46% en 2015, ata acadar os 15.000 seguidores


GaliciaAberta.com no ‘Facebook’ ten xa 11.375 adheridos, e son 3.269 os que seguen @galiciaaberta en ‘Twitter’

O número de usuarios agregados ao perfil da Secretaría Xeral da Emigración no Facebook incrementouse un 61’78% ao longo do pasado ano 2015, de maneira que os adheridos á páxina institucional na principal malla social na Rede pasou de 7.096 a 11.403. O crecemento experimentado no Twitter foi tamén significativo, de maneira que @galiciaaberta pasou dos 2.929 followers a 3.284, un 12’3% máis. En total, entre ambas redes, pasouse dos 10.025 aos 14.687 seguidores, o que supón un incremento do 46’5 por cento global.

Cabe salientar que, desde o momento da súa creación no ano 2010, o perfil de Emigración en ambas mallas medrou de maneira ininterrompida. A inmensa maioría dos que deciden seguir a actualidade do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda a través da web e redes sociais son galegas e galegos residentes no Exterior que desexan estaren informados das novidades referidas á Galicia territorial, á actualidade e actividade dos centros galegos e casas de Galicia espallados por todo o planeta, e ás axudas e iniciativas postas en marcha desde a propia Secretaría, eixos fundamentais da información que ofrece en internet.

Canto á páxina web, acadou ao longo de 2015 un total de 477.414 páxinas vistas, con 176.101 visitas (o que supón 14.765 ao mes, cunha media diaria de 482), e 114.195 usuarios únicos, é dicir, aqueles que realizaron polo menos unha visita na mesma xornada. Cómpre salientar un dato relevante, o tempo medio de cada entrada na web, que ascende ata os tres minutos, é dicir, unha estancia virtual relativamente elevada que demostra o interese do cibernauta medio.

Xuventude
En palabras do secretario xeral da Emigración, “as redes sociais son un camiño fundamental no achegamento da Administración ao administrado, especialmente en determinadas franxas de idade. O noso crecemento nestas mallas de ámbito mundial permítenos contactar coa diáspora, especialmente entre a Xuventude, de xeito máis inmediato e eficaz, e desa maneira mantense e refórzase a relación entre as e os galegos de segunda xeración e a Galicia territorial”.

Rodríguez Miranda recorda tamén que “ademais de salvar a distancia xeográfica, a web e redes sociais da Secretaría conseguen que as nosas informacións sobre axudas, subvencións, e actividades de toda a diáspora galega, cheguen de xeito inmediato a calquera curruncho do mundo, fortalecendo a unión entre toda a Galeguidade universal”.

Facebook
O perfil da Secretaría Xeral da Emigración na rede creada por Mark Zuckerberg conta con 3.311 seguidores en España (29’10% do total), dos cales 1.803 residen en Galicia. Arxentina colócase en segundo lugar en canto a número de seguidores, con 2.712 (o 23’79%), e despois Suíza con 1.170 (o 10’36%). Outros tres países rexistran máis de medio millar de adheridos: Uruguai (722, cun 6’31%), Brasil (631, o 5’53%) e Estados Unidos (603, o 5’27%).

As publicacións diarias (dúas de media) nesta malla son vistas por unha media de 1.934 usuarios/día, acadando un número de 57 interaccións (gústames, comentarios e compartidos) diarias, cifra moi superior á do común das páxinas institucionais.

Outro dato significativo que cómpre salientar é que, malia o carácter xeral máis ‘masculino’ do Facebook (46 mulleres por cada 54 homes de media xeral na malla), no caso do perfil de Emigración o usuario tipo é maioritariamente feminino: 57% de mulleres fronte ao 43% de varóns.

‘Twitter’
O crecemento da conta de Emigración na segunda malla social con presenza na Rede en 2015 chegou ata o 12’3%, de maneira que o número de followers alcanzou os 3.269, dos que o 57% son residentes en España (neste caso, a discriminación xeográfica interior é imposible por canto se trata dunha rede empregada fundamentalmente en dispositivos móbiles), o 16% na Arxentina, e o 12% en Venezuela.

Os cinco chíos diarios de media da conta @galiciaaberta acadaron en 2015 preto de 1.400 impactos/día no seu conxunto, con dous rechouchíos/día e outros 2 ‘gústame’ por día (o que ata hai pouco se denominaba ‘favorito’), cunha salientable taxa de interacción do 2’7%.

A web
Canto ás persoas que entraron no portal electrónico institucional da Secretaría Xeral da Emigración [http://emigracion.xunta.es ou http://www.galiciaaberta.com], 89.144 (o 50’62%) foron internautas con residencia en España, 39.826 (o 22’62) na Arxentina, 10.914 (o 6’20) no Uruguai, 7.907 (o 4’49) en Venezuela, e 3.844 (o 2’18) en Brasil. Seguen na listaxe, xa con menos do dous por cento dos usuarios totais, Estados Unidos, Suíza, Alemaña, México, Reino Unido, Francia, Chile, e Cuba.