Saturday 16 de November de 2024

O Concello repártelle aos veciños e veciñas de Novo Mesoiro o primeiro compost producido no barrio


A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, fíxolle entrega das bolsas individuais, tamén dispoñibles para a súa recollida no Centro Cívico

Recolléronse un total de 500 litros de compost, que poderá ser utilizado polos veciños e veciñas ou persoas adxudicatarias das hortas urbanas

O Concello da Coruña instalou a finais do pasado ano o primeiro composteiro comunitario no barrio de Novo Mesoiro, co obxectivo de que a cidadanía deposite os seus residuos orgánicos e darlle unha nova vida a través da xeración de compost. Trátase dunha medida pioneira que o Goberno de Inés Rey prevé ampliar a outros barrios da cidade nos próximos meses.

A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, fíxolle entrega do primeiro compost producido no barrio aos veciños e veciñas de Novo Mesoiro e animounos a seguir participando de forma tan activa. “Estamos moi agradecidos e agradecidas da boa acollida que tivo o composteiro e da participación das familias do barrio. Hoxe remata o proceso dos primeiros restos e queriamos que fosen eles e elas, como artífices, quenes levaran á casa a primeira mostra do compost” explicou Díaz.

Previo ao reparto, persoal da área de Medio Ambiente realizou o cribado da materia. En total, recolléronse aproximadamente 500 litros que foron clasificados para o seu reparto. En primeiro lugar, preparáronse preto de 100 pequenas bolsas individuais, tamaño maceta, para entregarllas aos veciños e veciñas alí presentes. Tamén están dispoñibles para a súa recollida no Centro Cívico de Novo Mesoiro. Ademais dividiuse en grandes sacos de 50 litros para o uso por parte das persoas adxudicatarias das hortas urbanas do barrio e resto de veciños da contorna. O restante podería ser utilizado polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns como abono para o tratamento das zonas verdes de Novo Mesoiro.

O Concello promovera o pasado mes de novembro unhas charlas formativas sobre o funcionamento do composteiro comunitario, co obxectivo de incentivar e familiarizar ás familias co novo equipamento. Foron dúas sesións en diferentes xornadas que contaron cunha gran participación dos veciños e veciñas do barrio. “Hoxe vemos o resultado do proceso e estou segura que animará a moitos máis veciños e veciñas a sumarse a esta iniciativa ecolóxica” concluíu a concelleira.
Beneficios e aplicacións do compost

O compost pódese mesturar con terra, como turba ou terra especial para sementes e transplantes. Tamén pode ser diluído en auga, o coñecido como té de compost, para utilizalo no proceso de rego.
Ao ser un produto rico en nutrintes e macronutrintes, o compost é un excelente abono, contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades. Como producto natural, sen químicos e libre de patóxenos, potncia a saúde do chan actuando como bactericida e fungicida. Ademais, o compost facilita a formación de conglomerados, permitindo así manter unha correcta aireación e humidade de chan.