Friday 22 de November de 2024

Boqueixón e Cáritas asinan un convenio de colaboración para instalar dous puntos de recollida de roupa en Sergude e Lestedo


O Concello de Boqueixón e Cáritas Diocesana de Santiago veñen de asinar un convenio de colaboración que permitiu a instalación de dous puntos de recollida de roupa, calzados e complementos nas localidades de Sergude e de Lestedo. Uns contedores que foron instalados na xornada de onte en Sergude, a carón da Taberna de San Benito, e en Lestedo, na contorna do Eroski.

Cáritas Diocesana de Santiago será quen se encargue do mantemento dos contedores e da recollida periódica das doazóns que fagan os veciños e veciñas de Boqueixón. Unhas doazóns que poden consistir en roupa, calzado ou complementos, que deberán depositarse no contedor en bolsas pechadas.

Estes contedores de recollida de roupa son o primeiro elo da cadea do proxecto téxtil de Cáritas Diocesana. Un material que é enviado a unha planta de tratamento, que o cualifica de acordo ao seu estado de conservación. Así, a roupa en bo estado é hixienizada de vendida en tendas propias de segunda man ou entregarllas de balde a quen as necesite. A roupa que poida usarse, pero careza da calidade precisa para ser vendida, é levada a proxectos sociais de Cáritas fóra de España. O resto prepárase para ser reciclada e un 2% do recollido destínase a valorización enerxética.