A directora de Turismo de Galicia participou na inauguración das xornadas “As montañas de Trevinca: paisaxes, patrimonios e propostas didácticas”
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración das xornadas “As montañas de Trevinca: paisaxes, patrimonios e propostas didácticas”, organizadas pola Deputación provincial, a Universidade de Santiago e o concello de A Veiga co obxectivo de afondar no coñecemento deste recurso natural.
Durante o acto de inauguración a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de que un pobo crea na potencialidade dun territorio porque así póñense en valor os seus recursos e apóstase pola promoción do destino.
Así mesmo, Nava Castro fixo referencia á importancia de homologar os sendeiros a través da Federación Galega de Montaña.
Un gran recurso natural
As montañas de Pena Trevinca, o único macizo de Galicia que excede os 2.000 metros de altitude, atesoura unha multitude de recursos turísticos como o parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o val do río Navea, o Macizo Central ou o espazo declarado Rede Natura Pena Trevinca, entre outros.
Un dos seus principais recursos é a estación de montaña de Manzaneda a cal constitúe un atractivo turístico con enorme potencialidade.
Esta estación de esquí e montaña, non está reservada exclusivamente á época de neve, senón que actúa como polo de atracción turística e elemento dinamizador da zona durante todo o ano grazas ás numerosas actividades deportivas e de ocio que alí se poden desenvolver e os programas sociais e culturais para nenos e adultos.
Así, esta estación está contribuíndo a afianzar el posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial e impulsando a desestacionalización da demanda.
Deste xeito, o deporte asociado ao turismo enriquece a experiencia dos que visitan A Veiga e axuda a coñecer de preto algunhas das súas paisaxes máis espectaculares. A práctica do esquí, o sendeirismo ou bicicleta de montaña, a escalada, ou outras moitas das actividades que pódense practicar nas montañas de Trevinca, incentivan o contacto coa natureza, primeira motivación pela que os turistas e viaxeiros elixen Galicia como destino.
Destino Starlight
Por outra parte, A Veiga ven de obter a certificación Starlight que avala este concello como destino turístico astronómico.
Esta certificación constitúe un selo de calidade que acredita que este concello ourensán posúe unha boa calidade do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico. A Veiga uniuse, así, a un mapa no que só están os mellores lugares para gozar do ceo.
A responsable de Turismo da Xunta afirmou que este recoñecemento é un privilexio para toda Galicia ao poder a nosa comunidade presumir de destino Starlight a nivel internacional, o cal afirmou constitúe “un gran reclamo turístico”.
Con todo, o xeodestino Manzaneda-Trevinca está a contribuír a acadar a consolidación da nosa comunidade como un destino ambiental, social e economicamente sostible e a continuar na senda do crecemento no sector turístico.