Saturday 16 de November de 2024

A Escola Infantil Municipal de San Sadurniño recibe 18 solicitudes de praza para o curso 2024/2025


O centro aínda contaría con 20 vacantes: 7 na de bebés, 8 na aula de 1 a 2 anos e 5 na de 2 a 3 anos

 

Unha vez transcorridos os dous prazos de solicitude de praza abertos durante o mes de marzo, e despois de revisar a documentación presentada, o Concello acaba de publicar a resolución coas prazas adxudicadas provisionalmente na Escola Infantil municipal A Rolada. O servizo recibiu un total de 18 peticións, todas elas admitidas, que se reparten da seguinte maneira: unha para a aula inicial (a de 0 a 1 ano), cinco para a aula de 1 a 2 anos e 12 para a do alumnado de 2 a 3 anos. Desta maneira, e en espera de que as familias formalicen a matrícula tan pronto como a lista se eleve a definitiva, o centro disporía aínda de 20 vacantes.

Trala publicación da lista provisional -dispoñible no tablón de anuncios do Concello- ábrese un prazo de 10 días hábiles contados desde este martes (incluído) para recoller posibles alegacións, aínda que o máis seguro é que non se presente ningunha dado que non se descartou ningunha solicitude.

Transcorrido ese prazo, que vence o próximo 29 de abril, a listaxe converteríase automaticamente en definitiva e empezaría a contar o período de 15 días naturais para que as familias formalicen a matrícula. Cómpre recordar que tanto este concepto como o servizo de educativo e de atención á infancia é gratuíto, agás o de comedor ofrecido polo centro, cuxo importe debe ser satisfeito segundo a cota establecida na ordenanza fiscal correspondente.

Así as cousas, se a lista queda como está hoxe e todas as familias confirman a matrícula, no mes de setembro empezarían curso un total de 18 nenas e nenos: un na aula de 0-1 ano, cinco na de 1-2 anos e 12 na de 2 a 3 anos.

Botando a conta de que a EIM ten capacidade para 38 crianzas (8, 13 e 17 en cada grupo, respectivamente) sae que na aula de bebés habería 7 prazas dispoñibles, na de 1 a 2 anos serían 8 vacantes e na de 2 a 3 quedarían 5 prazas por cubrir.

Se ben no mes de marzo houbo dous períodos de solicitude, un para reserva de praza e outro para rapazada de novo ingreso con varias condicións de prioridade no acceso, as vacantes totais que haxa á volta duns días, cando remate do prazo de matrícula, poderán cubrirse directamente a medida que vaian rexistrándose novas peticións.