Saturday 16 de November de 2024

Este xoves, xornada sobre seguridade viaria con actividades simultáneas en Carballo e Ardaña


Colaboran a Policía Local, o Club Ciclista Carballo e a asociación de veciños Santa María

Carballo será escenario este xoves dun intenso programa dedicado á seguridade viaria, que inclúe actividades para distintos públicos e en diferentes escenarios. O obxectivo da xornada, na que colaboran a Policía Local, o Club Ciclista Carballo e a Asociación de Veciños Santa María de Ardaña, é seguir achegando á cidadanía normas e consellos básicos para movernos con seguridade tanto polas vías urbanas coma polas rurais.

Dentro do programa MercaEscola, dirixido a persoas adultas, para mañá ás 17.00 horas está programada unha charla da Policía Local na que se falará sobre mobilidade urbana e outros aspectos relacionados co traballo policial no ámbito urbano.

Á mesma hora, dentro do programa Actívate, que estamos a desenvolver en Ardaña, comezará no centro social desta parroquia unha completa tarde de actividades para todos os públicos. Arrincaremos ás 17.00 horas co xogo Cicl-Ando Carballo, no que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen, e ao que seguirá un circuíto de seguridade viaria coordinado polo Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino e a Policía Local. A rapazada poderá traer bicicletas, patinetes, patíns… para participar nunha actividade que ten sempre moi boa acollida, e á que poden sumarse nenos e nenas de todas as idades e de todo o concello.

A xornada en Ardaña rematará cunha charla sobre seguridade viaria impartida pola Policía Local e aberta a todos os públicos. Será a partir das 19.00 horas.

Todas as persoas adultas participantes recibirán un chaleco reflector, e para os nenos e nenas temos preparadas unhas prácticas mochilas. Achegádevos!