Un total de catorce técnicos de turismo celebraron o I Encontro de técnicos/as de turismo da Costa da Morte e Ría da Estrela (Ría de Muros-Noia) en Carnota. Unha xuntanza na que participaron, entre outros, profesionais dos Concellos de Dumbría, Carballo, Ponteceso, Fisterra, Vimianzo, Zas, Coristanco, Muros, Serra de Outes e Porto do Son.
María Lago, técnica de turismo do Concello de Carnota, explica que “non se trata só dunha xornada teórica, senón de coñecer o territorio de primeira man e de interactuar entre nós para que poidan xurdir ideas e proxectos de interese para o territorio”. Espérase que este primeiro encontro sirva para que outros concellos lle dean continuidade a esta iniciativa co obxecto de crear sinerxias presentes e futuras.
Como comentaba María Lago, esta xuntanza completouse co desfrute dalgunhas experiencias turísticas no municipio de Carnota: a visita ás instalacións do Faro de Lariño, recentemente convertido en hotel; e o percorrido dun tramo da ruta “Andar o Mar,” salpicada de restos de construcións vinculadas ao mar como casetas de pescadores, antigas fábricas de salgadura e outras máis actuais como a piscifactoría de Lira ou antigas fábricas de conserva. Para rematar, o grupo visitou a recentemente estreada “Caseta de Pepe do Cuco”, unha antiga caseta de pescadores que alberga o primeiro museo automatizado de Galicia, ao que se pode acceder a través dun código QR e que actualmente se atopa en fase de probas. No seu interior, varias persoas de Lira falan sobre a evolución do sector pesqueiro e a vida en Lira. O encontro concluíu cun xantar onde os técnicos puideron intercambiar sensación e opinións.
Cada vez son máis os concellos que apostan polo turismo e que contan con persoal técnico durante todo o ano. De aí xurdiu a necesidade de celebrar un encontro deste tipo entre os técnicos de turismo da zona co fin cunha dobre finalidade: dar a coñecer os recursos turísticos locais dos diferentes concellos da zona e compartir inquietudes, experiencias e posibles sinerxias, xa que se espera que este sexa o primeiro de moitos encontros deste tipo.