Friday 22 de November de 2024

Mercedes Rosón sobre a operación Peleteiro: “BNG e CA deben asumir a súa responsabilidade no que está a suceder”


Lembra que en febreiro do 2023 toda a oposición bloqueou o proxecto do goberno socialista para a rehabilitación da parcela do antigo Peleteiro

“Hoxe a alcaldesa podería estar presentando unha obra de 150 vivendas das que o 20% eran a prezo taxado. Pola contra, nuns meses, a señora Sanmartín estará inaugurando as obras dun centro comercial e 40 apartamentos turísticos” critica

“BNG e Compostela Aberta deben asumir a responsabilidade no que está a suceder”, con esta afirmación, Mercedes Rosón arremeteu este martes contra o goberno local pola situación actual do antigo Peleteiro, logo de que o executivo de Sanmartín fixese público que a Sareb segue co seu plan para a construción dun gran centro comercial no Ensanche, como recolle o planeamento vixente.

“Estamos nun escenario máis que anunciado polo Grupo Socialista en febreiro do 2023” lembra Rosón, facendo referencia ao bloqueo da modificación do Plan Xeral que o goberno de Sánchez Bugallo levara ao pleno ordinario de ese mes e no que, ademais advertira de que esa era “a última oportunidade” para revitalizar o en Ensanche.

O proxecto que en aquela altura presentaba o goberno socialista proxectaba unha gran praza pública a un único nivel, como reclamaban os axentes sociais, orientada cara San Pedro de Mezonzo e cunha conexión coa República Arxentina de 20 metros de apertura. Unha reordenación que ademais, reducía considerablemente a superficie edificable total sobre rasante, que pasaba de 23.500 metros cadrados a 19.900, incrementándose significativamente a capacidade de uso residencial, que se acompaña ademais da cualificación dun 20% con destino a vivenda protexida. Un proxecto que, a diferencia do de Compostela Aberta, non contaba con informes desfavorables, senón que espertaba unanimidade e consenso veciñal.

“Con razón dixo a alcaldesa na súa toma de posesión que viña a deixar pegada, aquí a primeira”

A que fora responsable de Urbanismo, Mercedes Rosón, culpa a BNG, CA e Partido Popular de provocar a situación actual, coa propietaria do antigo Peleteiro con unha licencia solicitada e en tramitación para construír o que, é certo, o PXOM vixente lle permite. “A alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo pretenden trasladar agora a súa responsabilidade ao goberno central demandando vivenda protexida, algo que xa estaba contemplado na proposta que os socialistas levamos ao pleno o ano pasado” explica Rosón.

Unha proposta que tombou a oposición en pleno que, critica, “déronse a man para dicirlle non á cidade”. A edil socialista contrapón que fronte a proposta socialista, que contemplaba a construción de 150 vivendas das que o 20% eran a prezo taxado, “nuns meses, a señora alcaldesa estará inaugurando as obras dun centro comercial e 40 apartamentos turísticos”. Tira de retranca Rosón afirmando que “con razón dixo na súa toma de posesión -Sanmartín- que viña a deixar a pegada, aquí a primeira”.