Foron para os concellos de Allariz, Boqueixón, Celanova, Cualedro, Friol, Lalín, Melón, Pol, Ribadavia, Rairiz da Veiga, Teo, Valga, Val do Dubra, Xermade e Xinzo
A Xunta de Galicia comezou a entrega de 15 novos equipos esparexedores de sal a concellos das catro provincias galegas. Este venres fíxose entrega dos seus equipos aos concellos de Boqueixón e Teo, nun acto no que tamén participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz,
Ademais destes dous concellos, tamén foron beneficiarios destes equipos os concellos de Allariz, Celanova, Cualedro, Friol, Lalín, Melón, Pol, Ribadavia, Rairiz da Veiga, Valga, Val do Dubra, Xermade e Xinzo de Limia, que agora verán mellorada a súa capacidade de resposta fronte as nevaradas e xeadas propias da tempada invernal.
Para realizar esta compra, a AXEGA destinou preto de 50.000 euros no marco do programa operativo FEDER de Galicia, destinado á adquisición de material en materia de emerxencias para mellorar o equipamento dos servizos municipais de protección civil e emerxencias.
Os 15 esparexedores de sal que se están a entregar están preparados para ser axustados a vehículos todoterreo ou remolques, acciónanse por motor eléctrico de 12 v, ancho de esparexemento regulable dun mínimo de 5 metros e capacidade aproximada de 300 litros.
O concello, primeiro nivel de resposta
Os concellos cumpren un papel esencial no sistema público integrado de Protección Civil de Galicia pois a eles lles corresponde o primeiro nivel de resposta fronte a calquera emerxencia pero non sempre os servizos municipais dispoñen de todos os medios necesarios e, menos aínda, de recursos máis técnicos e especializados.
Neste sentido, é necesario poder dotalos dun equipamento adecuado que posibilite e redunde nunha mellor capacidade de intervención co fin de acadar un maior grao de seguridade para os cidadáns. Precisamente por iso, un dos obxectivos de Xunta é conseguir a maior calidade de resposta ás emerxencias en todo o territorio de Galicia baseada en criterios de eficacia, eficiencia e homoxeneidade.
1,7 millóns de euros para mellorar a atención ás emerxencias
Con ese fin entregáronse os novos equipos, que se suman a outros moitos materiais de emerxencias adquiridos pola AXEGA a través do Programa FEDER, cun investimento de 1,7 millóns de euros para material de emerxencias.
Ademais dos esparexedores, tamén se adquiriron 10 vehículos pick up, sete furgóns, un camión contra incendios, dez remolques de emerxencias, tres embarcacións, cinco equipos de respiración autónoma e máis de 400 terminais TETRA de comunicacións de emerxencias para concellos (móbiles, portátiles e fixos).