A Xunta destinará este ano 3,2 millóns de euros ás subvencións para a rehabilitación integral de inmobles situados nalgún dos sete camiños de Santiago
A Xunta celebrará o vindeiro venres en Palas de Rei a primeira xornada informativa sobre as axudas á rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de convocar aos concellos ubicados nos Camiños Primitivo e Francés a esta reunión na que se afondará no programa ‘Vivendas do Camiño’.
Esta reunión, na que tamén participará o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, terá lugar o próximo venres, 29 de xaneiro, ás 11 horas no Centro Comarcal de Palas de Rei.
Os municipios situados no Camiño Francés son: Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela; e no Camiño Primitivo: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol e Toques.
Cómpre lembrar que o programa ‘Vivendas no Camiño’ conta neste ano 2016 cun orzamento nas Contas da Xunta dun total de 3,2 millóns de euros. Neste sentido, o pasado 28 de decembro o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a convocatoria de axudas da Xunta para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas situadas na área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.
Estas subvencións supoñen un novo impulso na posta en valor destas vilas e cidades galegas que se atopan nestas contornas privilexiado. Así, na xuntanza abordaranse as características e procedementos deste programa de rehabilitación que contribúe á xeración de emprego, fixa á poboación e mellora a calidade de vida dos veciños.