• O pleno ratificou, esta mañá, unha das próximas actuacións, que levará a cabo en Ou Asadiño.
O Concello continuará mellorando as infraestruturas e servizos dos veciños e veciñas e, particularmente, as vinculadas co abastecemento e saneamento. Así o confirmou, esta mañá, o alcalde, José Antonio Santiso, durante o pleno ordinario. O rexedor explicou que, proximamente, o Concello acometerá varias actuacións que irán en consonancia coas executadas nos últimos anos. Entre elas, a dotación de rede de abastecemento e saneamento en Ou Asadiño (Abegondo), un proxecto que foi ratificado no pleno desta mañá. A esta actuación hai que sumar a creación da nova depuradora en Cabanas e a disposición de saneamento no lugar da Fraga (Limiñón) e na marxe esquerda da estrada que une Crendes e Orto.
No caso de O Asadiño, as intervencións contemplan a instalación de 1.127 metros lineais de colector de saneamento, a colocación de 38 pozos de rexistro e, ademais, a extensión doutros 1.441 metros lineais da rede de abastecemento. O proxecto, incluído no Plan Complementario de 2024 da Deputación da Coruña, aprobouse no pleno de febreiro. Con todo, debido a un erro técnico, ratificouse na sesión desta mañá co voto a favor do equipo de goberno, a abstención do BNG e co voto en contra do PSOE. Como explicou Santiso, a prioridade para executar estas actuacións virá marcada pola porcentaxe de apoio veciñal que solicite cada un destes proxectos. O rexedor avanzou que se convocará aos veciños e veciñas destas zonas para coñecer o nivel de apoio de cada iniciativa, o que marcará a orde de aprobación e realización das intervencións.
O pleno serviu, así mesmo, para dar luz verde á desestimación do recurso de reposición para a aprobación da desafección das prazas de garaxe e rochos da praza pública de Ou Adro. O punto aprobouse co voto a favor do goberno local.
Mocións
No pleno saíu aprobada por unanimidade unha moción presentada polo BNG para acometer medidas de inclusión e accesibilidade nos locais municipais. Non saíron aprobadas as outras dúas mocións elevadas polo mesmo grupo en relación co 8M e sobre a petición para pedir a declaración de dúas árbores no catálogo de senlleiras. A do 8M non foi apoiada nin polo goberno local nin polo PSOE por considerarse que as solicitudes expostas non eran de competencia municipal. En canto á das árbores, o goberno local votou en contra ao non dispoñerse das das autorizacións correspondentes por parte dos propietarios das leiras nas que se atopan ambos os exemplares.
Na quenda de rogos e preguntas, o PSOE preguntou por un recurso contencioso-administrativo presentado por un particular en relación co PXOM de Abegondo. Pola súa banda, o alcalde explicou que o veciño solicitaba a inclusión dunha parcela do lugar do Carballal (parroquia de Cos) como chan de núcleo rural. Así mesmo, o BNG preguntou polas marquesiñas instaladas na AC-5042 presentaban deficiencias. Pola súa banda, o edil de Infraestruturas e Obras, Alberto Seoane, aclarou que xa se tiña constancia desta situación, da que xa se deu traslado á Xunta de Galicia.