Debido ao deterioro paulatino e constante do Porto de Santa Cruz causado polos múltiples temporais e á inacción da Xunta e do Ministerio a realizar as melloras necesarias relativas á rexeneración da praia; o Concello urxe á Xunta de Galicia a cesión do peirao.
“É urxente e necesario que a Xunta de Galicia ceda a Oleiros a concesión do Porto de Santa Cruz outorgada por Costas do Estado”, manifestou o alcalde.
A negativa do Ministerio a realizar as necesarias melloras na contorna do porto e praia de Santa Cruz, rexenerándoa e traendo a area xa desaparecida entre a pasarela de acceso ao castelo e o dique do porto; está a ser un gran problema para a estrutura do peirao e do paseo marítimo.
A causa da desaparición da area da praia de Santa Cruz xunto cos innumerables temporais marítimos dos últimos meses causaron numerosos incidentes e roturas da estrutura e cimentos do paseo que deben ser tratados con urxencia.
O porto de Santa Cruz non ten ningunha actividade como tal senón que ficou como unha prolongación do paseo marítimo e como unha zona de lecer para a veciñanza polo que non ten sentido algún que o peirao estea en mans da Xunta.
“Espero que coa designación dos novos conselleiros/as se poida abordar en breve prazo a petición do Concello, para poder esixir ao Ministerio as melloras necesarias para a praia, xa que son milleiros de persoas as que gozan a diario do paseo e da localidade de Santa Cruz”, apuntou Ángel García Seoane.