A restauración da ribeira de Oleiros á ría do Burgo quedou pendente a Costas tras a recuperación do espazo marítimo terrestre. Dotar de continuidade ao paseo marítimo litoral entre Oleiros, Cambre e Culleredo, así como restaurar distintas zonas que se utilizaban para o baño, son aspectos sobre os que o Concello agarda a resposta da Delegación do Goberno.
O feito de que pretendan dar por rematada a obra sen conectar os paseos de Oleiros e Cambre causa unha grande perplexidade, pois resulta inaudito realizar un recheo deixando sen rematar as obras necesarias para permitir a súa conectividade, creando o treito que falta para garantir a mobilidade da poboación -cando chegaron a talar algunhas árbores para realizar ese paseo-.
Ata o momento, tampouco se habilitou para o baño zonas de Agramar e Beiramar, que antes da contaminación da ría si tiveran ese uso. Eses espazos poderían ser rexenerados con area de Santa Cristina.