Sunday 24 de November de 2024

Gran acollida da segunda edición do Festival de Cine Galego “Otremo”, que reuniu a preto de trescentas persoas en Brión


As actrices María Vázquez e Marta Hazas e os realizadores Enrique Otero e Javier Veiga compartiron impresións sobre as películas coa veciñanza asistente

Preto de trescentos veciños e veciñas de Brión encheron as butacas dispoñibles no auditorio do centro social polivalente de Brión durante a segunda edición do Festival de Cine Galego “Otremo”, organizado polo Concello de Brión e Aldea Producións. “Honeymoon” de Enrique Otero, foi a película máis seguida e aplaudida, seguida de preto por “Amigos hasta la muerte”, de Javier Veiga.

O interior do polivalente converteuse nun photocall polo que pasaron numerosos veciños e veciñas de Brión, así como as actrices María Vázquez e Marta Hazas e os realizadores Enrique Otero e Javier Veiga que, ademais de compartiren fotografías cos presentes, tamén intercambiaron opinións sobre as películas proxectadas e a realidade actual do cinema galego. Ás proxeccións acudiu practicamente toda a corporación municipal, presidida polo alcalde Pablo Lago Sanmartín.