Saturday 16 de November de 2024

Gonzalo Muíños reclámalle ao novo goberno galego “compromiso” con Santiago: “levamos máis de unha década na lista de espera Xunta do Partido Popular”


Deséxalle “acertos” ao presidente Rueda porque “serán os de todos os galegos e galegas” pero recalca a “lista de pendentes” da cidade coa administración autonómica

O portavoz dos socialistas marca como prioridades construción de vivenda pública, a ampliación do solo industrial, o aparcadoiro do Clínico e a habilitación para implantar a taxa turística

Que o “pequeno cambio de caras” no goberno galego traia consigo un cambio “na xestión”, é o que agarda o grupo socialista da nova Xunta de Galicia trala xura dos seus conselleiros e conselleiras. Así o explicaba Gonzalo Muíños este luns, destacando os asuntos pendentes da administración autonómica con Santiago: “levamos máis de unha década na lista de espera das prioridades da Xunta do Partido Popular” denuncia.

Muíños, que lle desexa “acertos” ao presidente Rueda, “porque serán os de todos os galegos e galegas”, reclamoulle ao seu executivo “compromiso con Santiago”. Neste sentido, enumerou a lista de débedas do goberno galego coa cidade que van desde a construción de vivenda baleira ata o incremento da aportación autonómica ao Servizo de Axuda no Fogar que, denuncia, “é un servizo que se segue prestando porque é o Concello o que está asumindo o sobrecusto”.

En materia de sanidade, amosa a súa preocupación pola situación das urxencias do Hospital Clínico, que rexistran colapsos de forma constante. Tamén a mobilidade no seu entorno debera estar entre as prioridades da Xunta segundo o portavoz dos socialistas, xa que, insiste, o aparcadoiro do CHUS “é unha débeda que xa comeza a ser histórica”.

Vivenda pública e máis solo industrial

Muíños tamén reclamou da Xunta de Alfonso Rueda un compromiso “real” coas políticas de vivenda, algo que, denuncia, “non existiu nos gobernos de Feijóo”. Explica que desde o 2009 non se construíu ningunha vivenda de promoción pública na cidade, salvo as que levan en obras máis de tres anos sen avances no Castiñeiriño.

“Ademais urxe a declaración da nosa cidade como zona residencial tensionado para poder limitar o prezo dos alugueiros” recalca o portavoz dos socialistas lembrando que se trata dun acordo plenario da Corporación Municipal do mes de xaneiro a proposta do PSdeG: “o goberno local terá que facer os seus deberes, pero a Xunta o que tampouco pode facer é por paus nas rodas”.

Outra das prioridades que marcan os socialistas é a ampliación do solo industrial de Santiago, insistindo en que a Xunta, a través de XESTUR, debe impulsar o desenvolvemento do polígono sito ao carón do da Sionlla, que actualmente se atopa en tramitación.

A aportación ao Consorcio para impulsar políticas de conservación do patrimonio ou axudas á rehabilitación, así como á Capitalidade completan unha “lista de pendentes” do goberno galego con Santiago, que os socialistas poñen enriba da mesa do novo executivo de Alfonso Rueda.