Friday 22 de November de 2024

Oito investigadoras/es locais participarán na primeira edición do festival Pint of Science Carballo


• Son Begoña Nicolás Ávila, Francisco J. Blanco García, Lucía Tasende Rodríguez, Patricia Seoane Collazo, Francisco J. Toja Camba, María Andrade Suárez, Eva Souto García e Verónica Bolón Canedo

• O festival celebrarase os días 13, 14 e 15 de maio, de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo

Begoña Nicolás Ávila, Francisco J. Blanco García, Lucía Tasende Rodríguez, Patricia Seoane Collazo, Francisco J. Toja Camba, María Andrade Suárez, Eva Souto García e Verónica Bolón Canedo son os/as oito investigadores/as carballeses/as ou con raíces no noso concello que participarán na primeira edición do festival Pint of Science Carballo, un evento de divulgación científica que propón un encontro entre investigadores/as e público nos bares.

O noso concello será un dos 66 de toda España que encherá os bares de ciencia os días 13, 14 e 15 de maio, a partir das 19.30 horas, nun evento que se celebrará de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo.

O festival arrincará o luns 13 no bar Mercado, onde poderemos conversar con Begoña Nicolás, Paco Blanco e Lucía Tasende.
• Begoña Nicolás é grado en Física pola USC, máster en Matemática Industrial pola mesma universidade, e doutora en Matemáticas e Informática pola Universidade de Barcelona. Na actualidade exerce como profesora no departamento de Matemática Aplicada da USC.
• Francisco Blanco, nado en Cee pero con raíces carballesas, especializouse en Reumatoloxía tras estudar Medicina e Cirurxía na USC. Doutorose na USC e foi director científico do Inibic. Na actualidade é xefe de sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional no CHUAC, coordinador do Grupo de investigación en Reumatoloxía-Saúde no Inibi e no CICA-UDC, académico correspondente da Real Academia Nacional de Medicina e da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, ademais de director da Cátedra Fundación San Rafael-UDC.
• Lucía Tasende é graduada en Física e Química pola USC, máster en Materiais e Nano Química pola Universidade de Gante (Bélxica) e unha das 20 Optica Women Scholars en todo o mundo.

O punto de encontro do martes 14 será O Bodegón, con dous protagonistas: Francisco Toja Camba e Patricia Seoane Collazo.
• Kiko Toja é especialista en Farmacia Hospitalaria no CHUS, investigador Rio Hortega, doutorando en Medicina Molecular, profesor asociado de Farmacoloxía e Fisioloxía na Universidade de Vito e membro coordinador do grupo español de atención farmacéutica en enfermidades neurolóxicas.
• Patricia Seoane é licenciada en Bioloxía pola USC, máster en Neurociencia e doutora en Endocrinoloxía. Na actualidade ten un contrato como Investigadora Postdoutoral Marie Sklodowska-Curie Global no Laboratorio Neurobesity/Centro de investigación singular en medicina molecular e enfermidades crónicas da USC.

O mércores 15 o festival trasládase á cafetería Valle-Inclán, con tres investigadoras tamén carballesas: Verónica Bolón, Eva Souto e María Andrade.
• María Andrade é doutora en Socioloxía pola UDC, máster en Planificación e Estratexias Territoriais na Sociedade Actual, directora do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da UDC, secretaria da Asociación Galega de Socioloxía e coordinadora do Grupo de Estudos Territoriais da UDC.
• Eva Souto é doutora en Dereito e profesora de Dereito Penal na Facultade de Dereito da UDC, ademais de participar en equipos de investigación en proxectos relacionados co Dereito Penal Económico/Empresarial, delitos patrimoniais, fraude e corrupción.
• Verónica Bolón é enxeñeira informática, doutora en Informática pola UDC e profesora titular da universidade no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, así como investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC). Actualmente traballa en investigacións relacionadas con varias áreas da Intelixencia Artificial. Tamén é académica correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España.

Ademais de relatora, Verónica Bolón forma parte do equipo organizador de Pint of Science Carballo xunto con Iván Andrade Tasende, concelleiro de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, e Cristina Abelleira Martínez, responsable de comunicación do Concello de Carballo. O evento está organizado directamente polo Concello e contamos co patrocinio da Fundación Luis Calvo Sanz e a colaboración de Bodegas Carballo e a Universidade da Coruña.