— Vense de resolver a segunda convocatoria de axudas en concorrencia non competitiva para a rehabilitación sustentable e accesibilidade na costa galega
— Entre as iniciativas beneficiarias inclúense melloras paisaxísticas de paseos marítimos, recuperación de sendeiros entre puntos turísticos ou sinalización e APPs
— As axudas están incluídas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral deseñado polo Goberno galego con fondos europeos Next Generation
A Xunta de Galicia vén de resolver a segunda convocatoria da liña de axudas destinada a concellos galegos para levar a cabo accións de embelecemento do litoral e potenciar así o seu uso turístico, cun investimento global de máis de 2,7M€. Na comarca do Barbanza foron beneficiarios un total de 14 proxectos en 8 concellos do litoral desta área que comprenden iniciativas como melloras paisaxísticas en paseos marítimos, creación de contidos e recursos turísticos dixitais, recuperación de sendeiros entre puntos turísticos ou sinalización, entre outras. Estes proxectos recibirán unhas axudas por importe de máis de 622.000 euros
Como se indica na resolución, que será publicada próximamente no Diario Oficial de Galicia e da que xa foron notificados os beneficiarios, inclúense 25 concellos da provincia de A Coruña, onde se levarán a cabo preto de 40 proxectos de embelecemento.
Esta liña de axudas é unha das actuacións incluidas no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral posto en marcha polo Goberno galego con fondos Next Generation. Os destinatarios eran os concellos situados no litoral galego. Concedéronse en réxime de concorrencia non competitiva e, entre outras, subvencionáronse accións que afondasen na transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral, tamén accións de transición dixital e accesible e inclusiva.
O Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral que ten un plan de execución ata este ano 2024. Cun investimento global de 29,3M€ enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para aproveitar o financiamento europeo no camino á transformación dixital e o incremento da competitividade dos destinos. Inclúe a posta en marcha de medidas transversais destinadas ao litoral galego como dúas convocatorias anteriores para concellos e establecementos para rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego, xa resoltas, así como a construción da senda do litoral de Galicia. Por outra banda, no marco deste Plan Territorial do Litoral as entidades locais están executando distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino.
COMARCA BARBANZA
CONCELLO | OBXECTO AXUDA | AXUDA CONCEDIDA |
A POBRA DO CARAMIÑAL | PROXECTO DE ACONDICIONAMENTO DE APARCADOIRO NA ALTA E RECUPERACIÓN PAISAXÍSTICA NO ENTORNO | 80.000,00 € |
BOIRO | RECUPERACIÓN DE SENDEIROS ENTRE PUNTOS DE INTERESE TURÍSTICO: SENDA RIO BREIRO-PRAIA DE MAÑÓNS | 80.000,00 € |
BOIRO | COMPRA E INSTALACIÓN DE PANTALLA TÁCTIL DIXITAL NO PASEO MARÍTIMO DE BARRAÑA | 15.000,00 € |
BOIRO | MELLORA E ADAPTACIÓN DO CENTRO ARQUEOLÓXICO DO BARBANZA | 50.000,00 € |
CARNOTA | APP TURÍSTICA & CONTROL PARK | 15.000,00 € |
MUROS | INFORMACIÓN DIXITAL ONLINE NA VILA DE MUROS | 13.394,70 € |
OUTES | ACTUACIÓNS DE EMBELECEMENTO E REXENERACIÓN PAISAXÍSTICA NO PARQUE DE VISTA ALEGRE. XUNQUEIRA DOS MUÍÑOS. O AREAL. | 80.000,00 € |
OUTES | DIXITALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS DO LITORAL | 13.176,90 € |
PORTO DO SON | ACTUACIÓNS DE EMBELECEMENTO E REXENERACIÓN PAISAXÍSTICA NA ZONA DE AMARRES NO BORDE MARÍTIMO DO PORTO DE BOA | 79.999,98 € |
RIANXO | POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO NATURAL DO ESTEIRO DO ULLA A TRAVÉS DO ACCESO ÁS TRES CRUCES DE ISORNA | 38.877,30 € |
RIANXO | MELLORA DA ACCESIBILIDADE DOS AREAIS DE RIANXO | 44.968,08 € |
RIBEIRA | RIBEIRA, DESTINO LITORAL SOSTIBLE: REHABILITACIÓN CENTRO DE INTERPRETACIÓN ARQUEOLÓXICA DE SAN ROQUE | 72.000,00 € |
RIBEIRA | RIBEIRA, DESTINO LITORAL SOSTIBLE: ACTUALIZACIÓN DOS CONTIDOS DIDÁCTICOS DO CIA DE SAN ROQUE | 13.500,00 € |
RIBEIRA | RIBEIRA, DESTINO LITORAL SOSTIBLE: MELLORA DA ACCESIBILIDADE NO CIA DE SAN ROQUE | 26.721,00 € |
14 AXUDAS | 622.637,96 € |